RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Arribas: "Estamos moi orgullosos da afección. Unha pena non poderlle brindar algún punto"

Alejandro Arribas apuntou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "o equipo non se mereceu perder" #ONOSODERBI ante o Celta de onte domingo en Riazor. "O grupo estivo ben, houbo poucas ocasións, partido pechado para os dous equipos. Eles son un gran rival que che esixe moito fisicamente, moito un para un. O equipo estivo non moi ben como outros días pero ben, normal. Tampouco deixou opcións ao rival", explicou.

Tamén asegurou o central deportivista que o cadro "vai seguir traballando igual. A dinámica segue sendo boa. Estamos a tres partidos do descenso. Hai que seguir traballando. Á volta veñen tres partidos seguidos (Valencia, Granada e Sevilla nunha semana) e aí é cando veremos se podemos saír ou quedarnos a pelexar ata o final. Oxalá podamos traballar moito e saír de aí nesa semana".

Insiste en que chegar agora con esa vantaxe sobre o descenso, "despois de partido de Leganés, a calquera lle preguntas e asinámolo todos. O equipo está nunha dinámica positiva. Onte perdeu pero non o mereceu. Seguir traballando como fixemos ata agora e a ver se podemos sumar moitos máis puntos".

Confesou acabar onte o partido "cun golpe. Xa non quedaban cambios e aguantei aí como puiden. Era un golpe mais nada que non me permitía correr ben, pero normal nun partido".

Ao seu xuízo, o derbi "era un partido de empate, xa o dixo o míster. Houbo unha ocasión para cada equipo. Nós tivemos un man a man claro no saque inicial da segunda parte. O porteiro estivo acertado. E eles tiveron unha e metérona. Esa é a diferenza".

Destacou o papel da afección na bancada: "Estamos moi orgullosos dela. Unha pena non poderlle brindar algún punto porque onte o partido foi para sumar un punto. Unha mágoa porque estes partidos sempre os queres gañar. Ao final é o eterno rival e estes partidos sempre son importantes".

Á pregunta dun xornalista sobre a celebración do gol de Iago Aspas, sinalando o escudo encarado á afección do Dépor da bancada de Maratón Inferior, Arribas afirmou non velo no momento: "Estaba pendente porque nos meteron gol e de tentar pensar en remontar o partido, en tentar empatar. Nin me fixei. Dixéronmo agora os compañeiros. Pero que cada un o celebre como queira. Alá el. A cada xogador se se lle odia ou non nun sitio será por algo. Iago Aspas e o Dépor non teñen moito en común. Cando pase ao revés tampouco fará graza a uns. Ao final isto é fútbol e unhas veces tócache sufrilo, outras veces tócache vivilo a favor. É unha anécdota máis. Este ano tocoulles a eles, oxalá o ano que vén tóquenos a nós".