RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Arribas: "Non estivemos á altura que a xente nos pediu"

Alejandro Arribas advertiu respecto ao partido deste domingo 30 de abril no Sadar (12:00 horas, Bein Sports) que o Osasuna "non se xoga nada pero no seu campo é moi complicado. Hai equipos que non conseguiron gañar alí. O mesmo Sporting o outro día case perde, tivo que remontar dous goles".

Por este motivo, o central deportivista sostén sobre o encontro que "a xente se cre que é sinxelo, pero nin moito menos, vai ser moi complicado. É unha partido trampa, que parece que eles ao non xogarse nada vai ser un paseo e nin moito menos. No seu campo sacaron bos resultados, gañaron partidos. É un campo complicado, a afección aperta e está co seu equipo pase o que pase, ata o final", engade.

Respecto da condición de Osasuna de equipo xa oficialmente de Segunda División, Arribas opina que "practicamente eles desde facía varias xornadas tiñan claro que era case imposible. Seguiron xogando igual, da mesma maneira, gañando partidos. No seu campo son un rival forte e vai ser un partido complicado".

Entende o malestar do afeccionado deportivista despois das dúas últimas derrotas ligueiras (en Anoeta e Riazor fronte ao Real Madrid): "Non é a temporada esperada por todos, nin para os afeccionados, nin para os xogadores, nin para o corpo técnico, os dous corpos técnicos que viñeron, nin para o Club, nin para ninguén. É unha temporada que nin moito menos as aspiracións que tivo o equipo cumpriunas, que era superar os puntos da temporada pasada, que vai ser case imposible superalos. A frustración que ten todo o mundo témola nós".

Nesta liña, Arribas subliña que "a todo o mundo gustaríalle ter 50 puntos. O Club, os dous corpos técnicos que estiveron e os xogadores principalmente non estivemos á altura que a xente nos pediu. Tentaremos mellorar e traballar para a temporada que vén e resolver isto canto antes, se pode ser o domingo mellor".

Dá a razón a Pepe Mel, cando o técnico afirmou que o Dépor corre moito, pero mal: "Os números din que corremos moito, pero corremos a destempo, tarde. Se ante o Real Madrid vou ao carón, chego tarde, dálla a outro, chego tarde outra vez e vou tarde a todas as xogadas, ao final gañan. Non estamos a correr ben, á vez que o compañeiro. Non é un tema de que corramos máis ou menos porque os quilómetros están aí, están postos aí. É que non corremos ben, como di o adestrador".

A nivel individual, vese a próxima temporada no Deportivo: "Teño dous anos máis de contrato. Todo o mundo que ten contrato ten un compromiso co Club. Obviamente logo todo pode pasar, con todos os xogadores de todos os equipos".

Precisamente da temporada, Arribas apunta que "non xoguei todo o que realmente quería, porque eu quería xogar máis, sobre todo ao principio. Considero que tiven partidos bos, malos e regulares. Saín sempre do campo coa cabeza moi alta porque o dei todo".