RCD / NOVAS

Arribas pide "tranquilidade, paciencia; o equipo está a tentar mellorar cada día"

18/09/2017 21:21

Alejandro Arribas, en rolda de prensa en Abegondo, manifestou que o obxectivo do equipo este mércores 20 de setembro ante o Alavés (21:00 horas, Gol) é "gañar. Coma se gañamos 5-4. Quero gañar e sumar 3 puntos. Daquela ninguén se acorda se che meteron máis ou menos. Só te acordas dos puntos que tes no teu marcador, que é o máis importante".

Asegura que o cadro "cando pasan 4 xornadas e o equipo non conseguiu a vitoria obviamente non está do todo ben. O equipo segue a súa dinámica boa. A xente traballa ben, está centrada no traballo. Todo o mundo está disposto a facelo ben cando lle toque. Ese é o camiño. Seguir traballando, tentar mellorar e corrixir aspectos dos partidos anteriores. Aos poucos lograr ese equilibrio".

Advirte que non lle importa o cambio de adestrador no Alavés: "Só penso en gañar e sumar os 3 puntos. Dáme igual quen sexa o adestrador. O adestrador non xoga, xogan só os xogadores. Tennos que dar igual quen estea enfronte".

Arribas pide tranquilidade: "Nerviosos estaremos cando a cousa se complique realmente e queden poucos partidos para o final de temporada. Isto acaba de empezar. Non sempre empeza como acaba e acaba como empeza. Paciencia, tranquilidade. O equipo está a traballar, tentando mellorar cada día. A ver se o mércores podemos sumar os tres puntos".

Do rival, o Alavés, subliña o central deportivista que "do seu once titular o ano pasado perderon 6 ou 7 xogadores titulares como Kiko Femenía, Theo, Llorente, Camarasa, Deyverson... Perderon unha chea de xogadores importantes para eles. Veu moita xente nova e ten que adaptarse. Ten bo equipo, non lle está saíndo as cousas. Pero nós tamén temos bo equipo, tampouco nos están saíndo as cousas. Temos que centrarnos en nós".

Máis novas de: ARRIBAS