RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

As Nosas retoman a senda da vitoria (0-1)

O Dépor ABANCA afrontaba un partido importante a domicilio após o primeiro tropezo en casa e ante un rival na zona media da táboa, pero a tan só 4 puntos das Nosas, que defendían liderado. Con neve no camiño a Tajonar e lixeiros copos durante o quecemento, afrontou o Dépor ABANCA a partida fronte ao CA Osasuna no que as rotacións levaron a Lucía á portería, a Henar a regresar ao centro do campo en lugar de Letti e á titularidade de Carlota Sánchez por Charle.

O partido empezou, como o tempo, frío, pero foise quentando co paso dos minutos. A primeira aproximación chegou nunha deixada de Carlota para Millene que acabou en falta favorable ao Dépor ABANCA.

O susto máis importante produciuse excedido o minuto 5 cunha perda na saída de balón, centro, deixada de cara e gol anulado a María González. Osasuna volveu ter unha oportunidade por mediación de Zugasti que rematou ás mans de Lucía.

A partir de aí o Dépor ABANCA foi gañando confianza até facerse co dominio do partido. Monteagudo, Paula Gutiérrez e Cris protagonizaron unha gran xogada que Carlota non logrou rematar de cabeza a centro da capitá. Millene tamén puido anotar após recuperar, regatear e disparar obrigando a despexar cos pés a Maitane.

A pesar de que o Dépor ABANCA recuperara o control do partido Osasuna seguiu tendo as súas ocasións, como o pase atrás e tiro cruzado de Zugasti que Lucía despexou a córner.

A máis clara para As Nosas na primeira metade chegou no minuto 30 cun remate de Ainhoa desde a dereita ao traveseiro. No 40 Paula Gutiérrez en xogada persoal obrigou a botar a luva a Maitane e a partir de aí de novo o partido se descontrolou a favor de Osasuna que dispuxo dunha última ocasión clara con recorte e lanzamento que atallou Lucía.

O arranque tamén foi para as rojillas, con centro de Vilariño fose e outra ocasión que obrigou a Lucía a atallar en dous tempos.

Unha recuperación de Millene na saída de balón local permitiu á brasileira asistir a Ainhoa Marín para pór o 0-1, ao cabo definitivo, no marcador. A propia Millene puido dar a tranquilidade definitiva ao equipo, primeiro picando ante Maitane, que mandou a saque de esquina e xusto despois cun disparo cruzado a rentes do pau. No tamo final do encontro até acabou estrelando o balón no traveseiro.

Entre medias parou Lucía un contrataque após pase ás costas de Charle que Carmen non logrou materializar. Até catro ocasiones máis, xa non tan claras, acabaron acumulando as xogadoras osasunistas mentres o Dépor ABANCA trataba de facer bo, como finalmente foi, o gol de Ainhoa para recuperar o pulso das vitorias e manterse na cabeza da clasificación á espera do que Cacereño e Eibar poidan facer nesta xornada.

CA Osasuna: Maitane, Vera, Josune (Carmen, min. 62), Celia (Arantxa, min.78), María González (Valero, min.78), Zugasti, Aitana, Iara, Mar, Vilariño (Alexia Jr., min. 62) e Merche Izal.

Dépor ABANCA: Lucía, Cris Martínez, Inés Altamira, Raquel García, Monteagudo, Paula García, Henar, Carlota Sánchez (Eva Dios, min. 73), Ainhoa Marín (Sara Navarro, min. 73), Millene e Carlota Suárez (Charle, min. 53).

Goles: 0-1 Ainhoa (min. 55)

Árbitro: Do Mar Trujillano Gallardo (c. andaluz). Amoestou a Alexia Jr. (min. 74), Valero (min. 81) e Lucía (min. 90).

Incidencias: partido da 17ª xornada de Primeira Federación Futfem disputado na Cidade Deportiva de Tajonar.