RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Asignación das entradas para o Dépor-Alavés de Copa

O Real Club Deportivo pechou este mediodía o prazo de solicitude de entradas para socios para o Dépor-Alavés da segunda eliminatoria da Copa do Rei que se disputa o vindeiro mércores 6 a partir das 19:00 h. en ABANCA-RIAZOR.

O número final de solicitantes excede o aforamento de 1.000 espectadores autorizado actualmente para o Estadio. O Real Club Deportivo contactará directamente con todos eles para comunicarlles se son ou non adxudicatarios dunha entrada para o partido despois de que o sistema de xestión de entradas ordenase as solicitudes recibidas seguindo os criterios de: 1. Socio Protector que non acudiu a ningún partido esta temporada e 2. Resto de Socios Protectores por antigüidade, esgotándose neste punto as localidades habilitadas para a súa venda sobre a listaxe de peticionarios.

A partir de aquí, os adxudicatarios poderán completar o proceso de compra de maneira 100% telemática e, pola mesma vía, recibirán a súa entrada para a bancada de Tribuna a prezo único de 6 euros. Após a venda quedarán rexistrados os datos de fila e asento asignado a cada socio adxudicatario, responsable desde ese momento do uso posterior desa entrada en caso de rastrexo por COVID.

Para acceder ao Estadio ABANCA-RIAZOR será necesario presentar a entrada adquirida, ben na pantalla do teléfono móbil ou ben impresa por parte do propio socio e sen dobleces sobre o código QR que presenta, non sendo válido ningún carné para o acceso.

Por protocolo COVID cada asistente deberá pasar un control de temperatura, hixienizar as súas mans, portar máscara en todo momento, sentar obrigatoriamente na localidade (identificada cun adhesivo verde de ASENTO DISPOÑIBLE) asignada na súa entrada e permanecer na devandita localidade sentado até finalizar o partido (unicamente permítense desprazamentos aos baños respectando as distancias. Non haberá servizo de bares nin está permitido introducir e consumir alimentos no interior do Estadio nin tampouco fumar), respectando sempre a distancia de seguridade de 1,5 metros entre espectadores. Todas estas indicacións reiteraranse aos asistentes tanto na cartelaría instalada en ABANCA-RIAZOR como a través da megafonía durante todo o partido.

Para abandonar o Estadio, os Socios deberán esperar as instrucións do persoal do Club asignado a cada sector da bancada e as que se darán por megafonía.

O Real Club Deportivo roga a todos os seus socios que manteñan todos os protocolos de distanciamento social e hixiene nos accesos e saídas do Estadio ABANCA-RIAZOR o día do partido, tratando de adiantar no posible a súa chegada ao Estadio para evitar esperas de última hora. As portas da Tribuna de ABANCA-RIAZOR abriranse ás 18:00 h.