RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Benvido a RCDEPORTIVO.ES

O RC Deportivo dá a benvida a todo o deportivismo a unha nova era, na que estará máis preto que nunca da súa paixón, o seu orgullo e o seu sentimento. Benvido a RCDEPORTIVO.ES, a nova páxina web oficial do Club, un agasallo ao planeta branquiazul no día en que cumprimos 110 anos de existencia. 110 anos desa mesma paixón, dese orgullo e dese sentimento.

Desde este momento, xusto un século e unha década após a primeira vez que #OSNOSOS saltaron a un terreo de xogo, poderás desfrutar ao instante de toda a información sobre o primeiro equipo, as categorías inferiores, os equipos femininos, os actos sociais, a venda de entradas e abonos ou as nosas instalacións, ademais de coñecer todo o referente ao noso pasado, que aquel 8 de decembro de 1906 partiu rumbo aos nosos días.

Os inicios do RC Deportivo, aínda que non quedou formalmente constituído ata o 9 de xaneiro de 1907, remóntanse a 1906, ano en que comezou a funcionar, coa disputa de diversos partidos amigables, o Club Deportivo da Sala Calvet, un prestixioso ximnasio situado na rúa Galera. A súa primeira formación, a que o 8 de decembro de 1906 derrotou ao Coruña no Corralón da Gaiteira, integrárona Salvador Fojón; Venancio Deus, Juan Long; Ángel Rodríguez, Manuel Álvarez, Daniel Aler; Juan Manuel López, Félix de Paz, Virgilio Rodríguez, Pedro Martínez Urioste e José Rodríguez. Menos dun lustro despois, o Club Deportivo da Sala Calvet xa adquirira a súa denominación actual.

Aquel 8 de decembro prendeu unha chama que hoxe está máis viva que nunca. Desde agora, esa chama estará aínda máis preto da faísca que a acendeu.

BENVIDO A RCDEPORTIVO.ES