RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Bernardo Tapia queda cun cadro "tan competitivo que calquera futbolista está en disposición de xogar"

Bernardo Tapia, que esta tarde dirixiu ao equipo desde o banco do Dépor en substitución do sancionado Natxo González, afirmou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que o triunfo ante o CF Reus "dános moita satisfacción, unha alegría importante porque seguimos un refacho moi bo en casa. Isto ao final dáche a tranquilidade de facer forte o estadio, que era unha das premisas que nos marcamos ao principio".

Do encontro, o técnico deportivista subliñou que "saímos moi enchufados, conseguimos o gol moi pronto. Os primeiros 20 minutos dificultámoslles moito a saída, puxémosllo francamente complicado. A partir de aí, o contrario tamén xoga, ten nivel, asóciase ben; e a pesar de que conseguimos bastantes roubos no seu campo, tamén conseguiu saír nalgunha ocasión. E iso xérache que haxa espazos ás túas costas e póidache dar algún susto".

Explicou a entrada de Pedro Sánchez no once inicial, após quedarse por exemplo fóra da convocatoria o pasado sábado en Córdoba, porque "é un cadro tan competitivo que calquera xogador está en disposición de xogar. O interesante é mantelos a todos vivos porque o campionato vai ser moi longo, son 42 xornadas durísimas; e porque o traballo diario tamén é moi importante".

Pola súa banda, Xavi Bartolo, adestrador do CF Reus, indicou que "o principio do partido foi moi negativo para nós. Ante un rival desta entidade, encaixar o primeiro gol tan rápido condicionou o resto do partido".

Cre o técnico reusista que "na primeira parte o Deportivo foi moi superior. Pareceume un equipo que a nivel individual estaba moi por encima do noso nivel".

Tralo descanso, queixouse do segundo tanto deportivista, "que igual é fóra de xogo". A partir de aí, subliña Xavi Bartolo, "tentamos cambiar todo o plan, adaptarnos a ver se podiamos ter algunha opción. E é certo que polo que sexa, na parte final do partido tivemos 5 ocasións de gol que tampouco é tan fácil telas contra un rival como o Dépor".