RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Beto: "Se o Dépor quere que me quede, eu feliz e vou dar o máximo para axudar a saír desta situación"

Beto da Silva subliñou esta mañá na sala de prensa de Abegondo, coa inminente apertura do mercado de inverno, que "son moi feliz no Dépor. Estou nunha liga moi competitiva, nun gran club, histórico. Estou moi contento. Se o Dépor quere que eu me quede, eu feliz e vou dar o máximo para axudar ao Dépor a saír desta situación e empezar a subir na táboa".

O atacante deportivista insiste en que non se expón marcharse do Deportivo: "Quero quedarme porque sei onde estou e o que estou a xogar acá".

Confesa non estar satisfeito a pesar de ter máis minutos o pasado domingo en ABANCA-RIAZOR ante o Real Zaragoza porque "nos gustaría a todos sacar unha vitoria. O equipo na segunda parte tivo algunhas ocasións que puidemos até voltear o partido. Infelizmente non se nos deu. Satisfeito non, pero feliz por ter máis participación".

Preguntado pola súa titularidade, Beto advirte que "hai compañeiros que tamén son moi bos e que quizais xogaron máis. Eu como di o técnico fáltame quizais o tema táctico, o tema de correr para atrás. Imaxínome que é iso. Estou a traballar para ter máis participación".

Estas situacións tan complicadas, subliña o dianteiro branquiazul, son "parte do fútbol, da carreira dun mesmo. Un ten que afrontar estes momentos e superalos. Estou nun gran Club, sei a competencia que teño acá. Traballar cada día para ser mellor".

Nesta liña, opina que a situación, ademais con dificultades para perforar a portería rival, é difícil "para os que non xogan pero tamén para os que están a xogar. Non marcar é frustrante, é complicado. Eu póñome tamén de parte dos que tiveron participación. Non poder marcar goles é complicado pero sinto que nalgúns partidos tivemos un pouco de mala sorte".

Conta ter conversacións con Luis César "e pediume que tácticamente deba marcar, ter un pouco máis de agresividade. Quizais son un dos que menos teño. Estou a traballar día a día para poder demostrarlle que o podo facer".

Beto apunta que ten "ilusión sempre" de ser titular, non só este sábado 14 de decembro en El Toralín ante a SD Ponferradina (18:00 horas, #Vamos): "Todos os compañeiros acá teñen ilusión. Iso depende do míster, do que el expoña para este partido. El vai ver o que é mellor para poder sacar a vitoria".

Avisa que "temos que xa sumar en todos os partidos. Iso sabémolo todos. Estamos mentalizados niso. Se Deus quere imos poder sacar este mal momento".