RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borges: "Mentres podamos respirar, o equipo vai manter ese espírito de loita para seguir crendo"

Celso Borges subliñou esta tarde na sala de prensa de Abegondo que o partido deste domingo 29 de abril ante o FC Barcelona no Estadio ABANCA-RIAZOR (20:45 horas, Movistar Partidazo) "dada a situación, dado o rival, vai estar difícil pero non imposible. Hai que mentalizarse ben".

Ao mediocentro deportivista, o xesto do corredor do Dépor ao equipo culé polo título copeiro recentemente conquistado, "paréceme ben. Se son campións, é o que merece".

Admite que a noite do domingo "non controlamos nada do que poida pasar. Imos desexar que isto siga vivo e que podamos nós tamén facer a nosa faena".

Non espera un Barça relaxado, case co título ligueiro no peto: "É un equipo que sempre ten que manter a súa imaxe internacional, de equipo sólido e respectable independentemente da situación. Así que non vai ser menos complicado".

Insiste Celso en que "mentres siga habendo opcións sempre me manteño moi positivo ao que vén. É verdade que cando sumas, sempre esperas que o outro se deixe puntos. É obviamente complicada a nosa situación, crítica".

Ve ao vestiario "ben. Seguimos mantendo a mesma ilusión e as mesmas ganas por querer facelo ben. E iso di moito do grupo. Non hai ninguén distendido, nin ninguén que queira tirar todo o aire. Máis ben ao contrario. Isto fainos máis fortes a todos e déixanos máis unidos".

"Ata que non nos maten imos seguir crendo que é posible. E así ten que ser. Se non, ¿como sobrevivimos á semana? Coas posibilidades que haxa, mentres podamos respirar, o equipo vai manter esa unión, ese espírito de loita para seguir crendo".

Ademais, apunta que o deportivismo "sempre estivo connosco independentemente de cal foi nosa situación. Neste ano ou en anos pasados veu ao campo a animar. Despois ten todo o dereito a expresarse como queira. Nos últimos partidos saímos aplaudidos do estadio. Iso é moi bonito e di moito da xente".

Preguntado polo seu futuro, o internacional costarriqueño prefire non pronunciarse "ata que se concrete todo. Eu sigo crendo que o equipo pode salvarse".