RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Galán: "Cando consigamos unha vitoria, unha serie de bos resultados, vaise a ver o verdadeiro nivel deste cadro"

Borja Galán asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o equipo regresa este domingo 10 de novembro (12:00 horas, Movistar LaLiga) ante o Elche CF a ABANCA-RIAZOR "co mellor dos ánimos, con ganas de conseguir unha vitoria en casa ante a nosa afección e referendar esa melloría que se está vendo nos 2 últimos partidos".

O atacante deportivista explica que esa melloría se basea principalmente en dous puntos: "Estamos a controlar esa sangría de goles que tiñamos. Conseguimos marcar nos 2 partidos e en partidos anteriores non o conseguimos. Estamos en crecemento, a liña é positiva. Con ganas de seguir demostrándoo cunha vitoria que nos fai falta para convencernos de que é así", apunta.

Sen laterais dereitos o domingo debido á sanción de Eneko Bóveda e á lesión de David Simón, Borja Galán lembra que "adestrei nesa posición bastantes días. Xoguei algún que outro ratiño nalgún partido. ¿Por que non? Estamos nunha situación complicada o equipo en xeral e o lateral dereito en concreto. Se o adestrador creo oportuno, pois axudarei ao equipo nesa posición".

Iso si, tamén admite que o canteirán Valín é outra das opcións que ten Luis César encima da mesa: "Xa xogou nas Palmas se non me equivoco. Fixo un bo partido para ser o debut, que sempre é un pouquiño máis complicado. Os xogadores non estamos para esixir. O que decida o míster vaino a facer pensando que é o mellor para o equipo".

Borja Galán recalca que a situación clasificatoria do Dépor "non lle gusta ao xogador, á afección, ao técnico, a ninguén. Non só con non gustarche vas saír de aí. Tes que facer todo o posible por saír, con feitos máis que con palabras. Niso estamos".

Advirte que hai "certa preocupación. Se me din a min a mediados de verán, cando xa se que vou vir aquí, se me vexo en novembro estando últimos, evidentemente vouche a dicir que non. É unha situación que preocupa pero sabemos, aínda que soa a tópico, que queda moitísimo por diante. Temos capacidade para reverter esta situación".

Por esta mala clasificación, opina o atacante deportivista que "a confianza tanto persoal como grupal non é a idónea. Ata que cheguen os resultados e esa mellora na confianza de cada un optouse por simplificar conceptos, por facelo todo moito máis práctico. Niso estamos e pódenos axudar".

Está convencido o futbolista madrileño que "cando consigamos unha vitoria, unha serie de bos resultados, vaise a ver o verdadeiro nivel deste cadro, que eu creo que é moitísimo máis alto do que estamos a demostrar até agora mesmo. Queda moito. Non é que sirva para relaxarnos, nin moito menos. Quedan bastantes partidos e pódese conseguir todo o que nos propoñamos".

A nivel persoal, di sentirse "a gusto no equipo. Vinme con participación en maior ou menor medida. Considero agora mesmo que os papeis individuais quedan en segundo plano cando a situación do equipo non é a que desexariamos todos. Contento co traballo meu persoal e co do grupo en xeral. Seguro que se empeza a ver no verde".

Ademais, recalca que no vestiario "non hai crispación nin moito menos. Somos un grupo de rapaces moi simpático, moi san. É complicado cando levas 13 partidos sen gañar que reine ese bo ambiente e aínda así se está vivindo. Algo que nos viría moi ben e que reforzaría ese bo ambiente sería conseguir unha vitoria porque é máis fácil estar de bo humor cando gañaches e máis difícil estar de bo humor cando levas tanto tempo sen gañar".