RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Galán: "Estas últimas vitorias déronnos un ánimo tremendo, fixéronnos ver que é posible"

Borja Galán manifestou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que o ambiente no vestiario do Deportivo é "moi bo. Estas últimas vitorias déronnos un ánimo tremendo, fixéronnos ver que é posible, que aínda que está difícil é posible. Despois do Racing de Ferrol alí as sensacións non eran moi boas. Por sorte puidemos darlle a volta e afrontamos esa final con moitísimas ganas e moitísima esperanza".

O atacante deportivista advirte que en primeiro lugar ante o Zamora CF este domingo 28 de marzo ás 12:00 en ABANCA-RIAZOR "temos que ocuparnos do noso, de facer os deberes, de pescar os tres puntos en casa. Logo xa esperar resultados. Oxalá se dean, oxalá algún deses resultados que nos valen cádrenos para poder estar na seguinte fase. Se por desgraza non é así, hai que gañar para ter os máximos puntos para a seguinte fase porque pase o que pase a competición vai seguir".

Comenta que o conxunto zamorano "é o líder do subgrupo. Será un partido moi disputado como todos os da categoría. Eles xa conseguiron ese primeiro obxectivo que é o de clasificarse para a Segunda B Pro. Tense que notar que nós imos con ese puntiño máis de esixencia, esa intensidade extra, ese querer sacalo como sexa. Tense que notar ao noso favor, e máis na nosa casa e ante #ANOSAFORZA".

Borja Galán lembra que "cando vimos de velo tan lonxe, agora mesmo velo todo con moitísimo optimismo. Se fose ao revés, se estivésemos practicamente clasificados e os últimos partidos perdémolos, diríache que 'miña nai a que leamos'... Pero cando vés dunha xeira tan mala, de estar tan metidos no barro como estivemos, conseguimos sacar os partidos de onde todo era desesperación. Vernos aí con opcións éncheche de optimismo que agora mesmo nos sentimos capaces de todo. Temos que gañar e espero que o fútbol que nos debe unha, páguenola esta fin de semana".

Admite que cando o Dépor derrotou ao Pontevedra CF en ABANCA-RIAZOR "quitámonos unha presión de non sei cantas toneladas sabendo que a opción do descenso, que até entón era bastante real, afastábase moitísimo. O partido contra o RC Celta B xogámolo con esa liberación e por primeira vez en todo o ano puidemos gozar dun partido. Agora máis con esta semana de parón que nos veu ben para recuperar xente lesionada, limpar un pouco as cabezas, seguir con ese optimismo... Nas semanas de parón cando vés de derrota fanse larguísimas pero cando vés de gañar, dunha xeira boa gózase todo moitísimo máis, o ambiente é a ostia. Espero que o domingo vexamos un equipo moito máis parecido ao do RC Celta B que a outros partidos. Aínda que asino gañar sufrindo e que ao final nos metamos".