RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Galán: "Somos os primeiros autocríticos co noso xogo; pero non todo estará a ser tan malo cando levamos 10 puntos de 12"

Borja Galán pasouse este mediodía pola sala de prensa de Abegondo nada máis finalizar a sesión de adestramento do Deportivo.

O atacante deportivista manifestou que "quizais esta semana de parón veña ben para recuperar xente, para asimilar conceptos... Xusto coincide que Celso está coa selección e así pode xogar e nós gozalo cando volva. Hai que quedar co positivo que é poder traballar todos xuntos, recuperar xente e preparar da mellor maneira posible o partido contra o Guijuelo".

Cualifica o inicio ligueiro do Dépor, con 10 puntos de 12 posibles, como "bastante bo. Somos conscientes de que o xogo non é o que desexariamos pero se nos dan a elixir entre xogar bonito e perder, ou xogar non tan bonito e gañar, todos quedariamos coa vitoria, cos puntos, que ao final é o decisivo de cara a sumar o máximo posible para a segunda fase. É un balance bastante positivo. Tivemos dúas saídas complicadas, dous partidos en ABANCA-RIAZOR que sacamos adiante. Fóra de casa aínda non perdemos. É para estar contentos e orgullosos do equipo".

Desvela sobre as críticas ao equipo que os xogadores "tentamos abstraernos de todo o ruído que se xera no ambiente. Somos os primeiros autocríticos co noso xogo, coa nosa maneira de xogar. Pero non todo estará a ser tan malo cando levamos 10 puntos de 12. Este é o camiño: estar xuntos nós, criticarnos ou dicirnos as cousas que pensemos entre nós e deixar o ruído de fóra para fóra".

Con só un gol encaixado en cuatro partidos, Borja Galán afirma que os futbolistas branquiazuis "estamos moi contentos con esa faceta. Igual que ofensivamente é a nosa materia pendente, na parcela defensiva estamos moi ben. Ten que ser nosa base do éxito. Se te pos a mirar as estatísticas dos equipos que saen campións nas ligas europeas, se algo teñen en común é que encaixan poucos goles. Tamén fan goles, porque gañan os partidos. Se ti non encaixas gol, para empezar non vas perder o partido; e a pouco que esteas fino en ataque vas levar o partido".

A nivel persoal, apunta que "me estou atopando ben. É evidente que podo xogar mellor. Todos temos que ser autocríticos. Como calquera xogador somos ambiciosos e o que queremos é disputar o máximo de minutos posibles. Traballamos para iso".

Engade que "durante a pretemporada, por uns problemas físicos que tiven practicamente puiden empezar a adestrar o xoves da semana que empezou a liga. Quizais me faltaba coller ese ton físico, esas boas sensacións. Agora estou moito mellor que hai un mes. Adestrando atópome moito mellor, xogando tamén".

Iso si, advirte que "é o míster o que decide. Tanto eu como todos os meus compañeiros estamos preparados para xogar de titular, de suplente, entrar un intre... Haberá algúns partidos que non toque participar. É o que temos que pensar todos os xogadores tanto individualmente como colectivamente".