RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Granero aclara a súa continuidade en ABANCA-RIAZOR: "Teño unha relación moi boa e moi forte co Dépor"

Borja Granero pasou esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.

O central branquiazul admite que lograr o triunfo o vindeiro domingo 26 de setembro no Estadio Reina Sofía ante o Unionistas de Salamanca CF (12:00 horas, Footters) sería "un inicio soñado, pero hai que ir día a día. Estamos a ir día a día e iso estanos dando resultado. Temos que seguir con esa actitude".

Sobre o partido ante o conxunto salmantino cre que será "intenso, de moita disputa. Estiven aos ver contra o Extremadura e saíulle moi bo partido. É un equipo de transicións, que aperta moito no seu campo, que este ano coa axuda da xente e o ambiente que teñen alí é propicio. Será un partido difícil no que temos que adaptarnos a todo".

Cualifica de "evidente" a diferenza entre xogar en ABANCA-RIAZOR ou nun céspede artificial como o do Estadio Reina Sofía pero "non pode ser unha escusa. Temos que competir en todos os campos e ante calquera rival e iso é o que estamos a levar a cabo. O ano pasado xa dixen que será unha liga de adaptarse, de que o equipo que se adaptase a máis escenarios e a máis circunstancias sacaría mellores resultados. E este ano estase vendo".

Lembra que se perdeu por lesión o partido da pasada temporada, que decidiu Héctor cun golazo ao comezo do encontro: "Coñecemos o campo, que iso é unha cousa que levamos aprendida. A verdade é que do ano pasado a este cambiaron moitas cousas, o cento por cento das cousas. Afrontamos o partido coa ilusión de conseguir algo positivo, que é gañar e competir ben".

Titular o pasado sábado en ABANCA-RIAZOR ante o CD Badajoz, Borja Granero asegurou atoparse "moi ben. Era un partido difícil e ademais o equipo adaptouse a outro bo equipo que é o Badajoz; e soubo competir, talvez con menos brillantez que outros días, pero moi serio e moi correcto en todos os aspectos".

A nivel persoal, conta que "despois deste verán que foi un pouco complicado coa miña situación un pouco cambiante neste últimos tres meses, non no deportivo que me viña atopando moi ben, se non polo proceso que está a atravesar o Club, estou contento de sumar, de participar sabendo que a competencia é forte e iso eleva o nivel do equipo. Cando persegues obxectivos importantes o nivel da xente que participa menos ou que non participa tamén axúdache moitísimo, axuda a elevar o nivel do adestramento e o nivel da xente que está a xogar. E iso é algo moi importante".

Nesta liña, lembra reiterar nas súas roldas de prensa e entrevistas "a intención de quedarme aquí, que estaba moi a gusto aquí, que a miña familia estivo sempre moi a gusto, que o Club nos axudou en todo e que me adaptei moi rápido. O Dépor está a atravesar un período de cambio en moitas cousas e todos temos que entendelo. Eu teño unha relación moi boa e moi forte con este Club. Entendémonos rápido tamén. Son situacións que un non sabe como xestionar moi ben ata que non as ten porque nunca me vin nunha situación así. Pero o bo é que o respecto e o agarimo que teño ao Club e que o Club me ten axudou a que todo fose fácil".

Preguntado pola saída de Celso Borges, Borja Granero queda "co bonito e co bo que viviu e co que lle deu a este Club e co que lle deu até o momento que se ha ir. Nós tivemos a sorte de traballar con el. É unha excelente persoa, das mellores que vin eu nun vestiario, cunha humildade impresionante, cos logros que el ten e co pedazo de futbolista que é. Deséxolle todo o mellor e quédome con todo o bo con que afrontou tamén os momentos difíciles que tivo os últimos meses e como chegou este proceso que para min é de dez".

Finalmente tivo palabras de agarimo para #ANOSAFORZA, que estará representada o domingo no Estadio Reina Sofía de Salamanca, e que o pasado sábado animou ao equipo desde as bancadas de ABANCA-RIAZOR: "É unha das cousas que valoras cando vés aquí, que sabes que é especial. Agora mesmo militamos en Segunda B, pero é evidente que #ANOSAFORZA é doutra categoría moito máis arriba. Tanto en ABANCA-RIAZOR, que é unha gozada, como nos desprazamentos valoramos moi positivamente ese plus que che dá xogar coa túa xente sempre preto".