RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez: "A min na segunda parte o equipo non me gustou, temos que facer moitas máis cousas para gañar"

Borja Jiménez confesa que o partido lle deixou un sabor "agridoce porque na segunda metade, á parte de non gañar, non estivemos ben. Na primeira parte se mellorásemos algo nos envíos... Fixemos un gol, algunha situación moi clara con Antoñito pero estivemos imprecisos. Máis ou menos levabámola controlada até a zona de tres cuartos rival".

A raíz do gol do Pontevedra CF tralo descanso, o técnico deportivista opina que "as distancias foron moito maiores e estivemos imprecisos. Grazas a #ANOSAFORZA que empuxou, que conseguiu que o rival se puxese máis tenso do que estaba, permitiunos conseguir un punto e ter algunha situación para gañar ao final".

O adestrador branquiazul pide tranquilidade: "Xogamos 3 partidos. É verdade que hoxe na segunda parte é para ser críticos co que fixemos. Enganchámonos porque nos enganchou #ANOSAFORZA. Hai que traballar sobre iso. Viñamos de dúas vitorias, agora un empate. Agora temos un partido fóra e dous en ABANCA-RIAZOR. Hai que seguir conseguindo puntos sabendo que a liga vai ser complicada, que temos rivais do mesmo talento que nós e que temos que ser moitos máis agresivos".

Apunta que esta vez os cambios na segunda parte "non melloraron o que viñamos facendo até ese momento. Foi o empuxar de ABANCA-RIAZOR o que a nós nos activou, a raíz do gol, e a eles colleulles un pouco de medo. Non tiven a sensación que o equipo estivese mellor nos últimos 15 minutos. Co que empuxa #ANOSAFORZA, eles metidos aí puidemos sacar transicións, tiñamos mellor equilibrio. Aínda así tiñamos que manexar eses minutos despois do gol. Podiamos xerar algunha situación máis clara que as houbo con Gorka, duns contra uns, algún remate... pero non terminamos de estar acertados".

Finalmente, conclúe que "nos gustaría facer 9 de 9, que a nosa esixencia é esa. Polo ben de todos non debemos poñernos nerviosos na xornada 3. Traballar desde a calma, sabendo que todos imos fallar porque a liga é moi competitiva. Poñer en valor o que fixo hoxe o Pontevedra CF porque non nos permitiu estar cómodos. E traballar, traballar e traballar. É a única fórmula que coñezo".

Non cre que se lle estea esixindo demasiado porque "a esixencia é gañar cada domingo. Iso témolo moi gravado. E cando non gañas sendo o Deportivo non podes estar contento". "Estamos amolados porque queriamos gañar; sobre todo porque hai moitas veces que non ganas e podes facer un bo partido. A min na segunda parte o equipo non me gustou., temos que facer moitas máis cousas para gañar", engade.

Pola súa banda, Antonio Fernández, técnico do Pontevedra CF, comentou que "o esforzo do equipo foi encomiable. Na segunda parte estivemos moi ben. Na primeira o Dépor tivo o control e máis ocasións. Despois ao final é normal que o empuxe deles xéreche incerteza e ese medo a poder encaixar. Hai que darlle valor a este punto que puideron ser tres se nas dúas ocasións claras da segunda parte matamos o partido, poñémonos 0-2 e igual entón estamos a falar doutro escenario".