RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez admite que "non estamos ao cento por cento en canto a sensacións, en canto a xogo" pero lembra que "estamos na xornada catro"

Borja Jiménez subliñou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que o CF Talavera de la Reina chega a ABANCA-RIAZOR mañá mércores 28 de setembro ás 20:00 horas (TVG-2 e InSports.tv) "con cero puntos porque ten dous partidos menos que o resto. Osea que non é algo que teñamos que ter moi en conta. Xogou co Linares, que non perdeu aínda, co CF Fuenlabrada, que é un dos aspirantes a ser campións, e co Pontevedra CF. Tivo un inicio de calendario complicado. Agora visita ABANCA-RIAZOR. Intúo que aínda non se enfrontou a equipos da súa liga, empezaron máis tarde..."

A pesar dos números, mostrouse sorprendido polo cadro manchego: "É un equipo moi dinámico, que ataca moito, que xera moitas situacións de idas e vindas nos partidos, moi entretidos porque lles gusta atacar. Sorprendeume para ben véndoos".

Deixa claro que "a nosa idea é sempre a mesma, o que pasa que enfronte sempre hai un rival que che permite facer máis ou menos cousas das que ti tes na túa cabeza. O CF Talavera de la Reina é un equipo que vai sorprender a moita xente porque é moi dinámico, polo menos así se comportou até agora, con moitos xogadores que atacan, que miran portería, que atacan moi rápido. É un equipo de moita transición, defensa, ataque rápido. Gústalles correr, gústalles que o partido leve moito ritmo, polo menos até agora".

Admite que con tres partidos en sete días, "pode ser que haxa máis cambios, pero non ten por qué ser de maneira obrigatoria. Iremos vendo como están os xogadores mañá, poremos os mellores e despois de mañá o domingo poremos os mellores".

O adestrador branquiazul prefire non botar contas e si recalca que "o que temos que facer é gañar mañá que xogamos en ABANCA-RIAZOR. O que temos que tentar é, no noso terceiro partido en casa, conseguir unha vitoria, seguir imbatidos, seguir mirando cara a adiante e ter tranquilidade á hora de ir tomando decisións cos rapaces para que eles estean cómodos".

Así mesmo, lembra que "estamos nese momento de ir vendo como se atopan ou da maneira que se atopan máis cómodos todos os xogadores e vendo relacións entre eles. Ao final son eles os que xogan e téñense que relacionar. Hai que tentar buscar esas parellas máis próximas para que estean cómodos no campo".

Do choque do pasado sábado en ABANCA-Balaídos ante o RC Celta B, Borja Jiménez subliña que "a nivel defensivo foi noso mellor partido de longo porque tivemos en todo momento controlado ao rival, que a súa predominancia era o xogo curto e non lles permitimos nada de xogo curto. Houbo moito envío. O equipo sentiuse moi cómodo, xa non só dinmo nas imaxes e volvelo a ver, senón a sensación dos xogadores a nivel defensivo. O equipo estivo bastante ben. A nivel ofensivo faltounos velocidade no inicio e faltounos tranquilidade na zona de finalización. Confundimos os ritmos. Atopamos situacións con espazo nos dous costados, tanto na esquerda como na dereita, máis que con espazo con superioridades en canto a xogadores, pero esa circulación tan lenta no inicio ou máis lenta do habitual facía que non chegásemos con claras vantaxes. E arriba é identificar ben cando hai que cambiar o ritmo. Na zona de inicio temos que ser máis rápidos, sobre todo para virar, e na zona de finalización un pouquiño máis lentos á hora de tomar decisión de saber se teño que facer un xiro máis, saber se é momento de encarar..."

Após encaixar un gol aos 50 segundos de partido, pon en valor que "o equipo empezou por detrás 3 partidos e non perdeu ningún deles. É de valorar porque é algo que o ano pasado non ocorría. Valoro moito empezar perdendo, que che dean outro golpe e teñas a capacidade de levantarche. Ademais, o outro día danche outro golpe en Vigo, contra o rival, aos 50 segundos, se para o partido 7 minutos... Non foi unha situación idónea nin idílica para empezar un partido de fútbol. A realidade é que cando empezamos a xogar iamos perdendo 1-0. Entón non é nada sinxelo, pero o equipo tivo neste caso a capacidade de volverse a refacer e é algo que está a mostrar o equipo que nos dá moitas esperanzas no que pode ser o ano".

Pide no entanto "ir quitando eses goles en contra, empezar por riba do marcador, que é algo que o ano pasado dábase moito, pois dáche a posibilidade de logo ter máis calma, poder sacar transicións... Cando empezas perdendo atópasche equipos máis replegados".

É consciente de que "non estamos ao cento por cento en canto a sensacións, en canto a xogo e niso estamos a traballar. Como hai moita autocrítica sobre nós mesmos, no noso vestiario, é o que buscamos: ir poñendo solucións onde cremos que o equipo non está moi cómodo. Somos os primeiros que queremos facer moitas máis cousas, que todo o mundo estea moito máis contento, pero no que estou sorprendido é que é a xornada catro e o equipo non perdeu. E xogamos seis partidos de pretemporada e o equipo non perdeu. Se quitas o partido de Albacete e Unionistas, que non era para nada, os números do equipo xa non só este ano, o ano pasado, son bos. Hai que ter paciencia, que os rapaces están na xornada catro. Desde que chegaron aquí non perdemos, nin en pretemporada nin en liga. Entón calma".

De feito, insiste en que "somos os primeiros que somos moi autocríticos, e queremos xogar moito mellor e xerar máis ocasións e que a xente estea moito máis contenta. Non pensamos aí dentro que estamos no noso mellor nivel. Claro que non. Os futbolistas non son parvos para facer esa análise deles mesmos, pero... é a xornada catro", reitera.

Mañá en ABANCA-RIAZOR espera un bo ambiente "porque é o que nos atopamos, polo menos até agora no campo. É o máis adecuado para os futbolistas, que son os que xogan; e cando xogas en casa gústache sentir o agarimo de #ANOSAFORZA. Non teño ningunha dúbida de que vai ser así porque sempre se mostraron así co equipo. Non escoitei aínda no estadio moitas queixas sobre os futbolistas. Eu creo que durante os 90 minutos ímonos a atopar un ABANCA-RIAZOR que anime ao seu equipo como o fai sempre e que ademais é o máis indicado. Hai que ir ao campo a animar ao teu equipo e cando acabe o partido, se non che gustou, xa é momento de expresar o que queiras, pero durante o partido a xente que vai ao campo é porque quere que gañe o equipo e teñen que achegar o seu graniño de area, como fan sempre, animando ao equipo porque é onde o futbolista se atopa máis cómodo".