RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez admite que o inicio de liga é o "soñado porque é dificilísimo gañar catro partidos seguidos en calquera categoría"

Borja Jiménez subliñou en rolda de prensa en ABANCA-RIAZOR que "nos enfrontamos a un moi bo equipo, a un gran equipo da categoría, que o ano pasado foi campión, que este ano non encaixara, non perdera, que lle gusta o bo trato ao balón. Sabiamos que en canto á posesión ía estar repartida porque tamén é un equipo que ataca a través da pelota en situacións de xogo curto. Sabiamos que iamos ter fases do partido onde teriamos que estar máis xuntiños, onde tiñamos que facer esforzos a nivel defensivo que habitualmente facemos en menor medida".

O técnico deportivista márchase de ABANCA-RIAZOR "contento" pola "portería a cero outra vez. Tivemos algunha situación para o 2-0 na segunda parte: unha de Quiles, o remate de Miku. Nos minutos finais eles acumulan moito centro lateral, pero a categoría é así. Ninguén é consciente da dificultade que ten gañar e facelo catro veces seguidas, independentemente de como che chames e na categoría que esteas. É complicadísimo. Así que nada, doce puntos, quedan tres menos que a semana pasada para o noso obxectivo e seguir. Isto é moi longo".

Admite que o inicio de liga é o "soñado porque é dificilísimo gañar catro partidos seguidos en calquera categoría e pódovos asegurar que en Segunda B non sei se máis, pero moi difícil. Xa estamos a ver que o nivel é moi parello. Custounos gañar en Tudela, custounos, custounos gañar hoxe, en Calahorra adiantámonos pero estiveron no partido até o minuto 89. Vai ser moi igualado, moi, moi, moi igualado. Oxalá durante a temporada teñamos a capacidade de enganchar outros catro partidos seguidos porque sería síntoma de que estamos a facer as cousas ben. Pero díxenllo aos xogadores, tamén: é moi difícil o que conseguimos até agora. Cando estás en dinámicas positivas hai que alargalo ao máximo".

E cita o próximo encontro, o domingo 26 de setembro (12:00 horas, Footters) ante o Unionistas de Salamanca CF, "un rival que, se non me equivoco, tampouco perdeu, que vai ser moi difícil, un campo de herba sintética, unha afección que aperta moito. Será un partido bonito, así que a polo próximo reto. Isto é ir semana a semana".

Finalmente, de ABANCA-RIAZOR e #ANOSAFORZA, desvela Borja Jiménez que "termina o partido e quédome a verlles seis, sete, oito minutos ata que se van porque seguen animando. Son incribles. En momentos onde hoxe non estivemos tan finos... Lembro unha acción, creo que con Alex, que o ovacionaron no reinicio do saque de porta. Para nós van ser determinantes porque fanche gañar partidos. Hoxe nos minutos finais apertan ao árbitro, apertan a todo o mundo. Manexamos un tempo de desconto, os últimos cinco ou seis minutos espectaculares porque non ocorreu nada, absolutamente nada. Entón, #ANOSAFORZA un dez porque non se lles pode poñer máis nota. É incrible sentir ABANCA-RIAZOR. Eu a nivel persoal, cada vez que subo as escaleiras que dan acceso ao campo, pois no inicio do partido, no descanso e agora que o fixen cando xa non había xente teño unha sensación única. Que sigan animando, que van ser parte importantísima en todos os nosos partidos, en casa e fóra de casa cando se desprazan".

Pola súa banda, Óscar Cano, técnico do CD Badajoz, opina que "quitando os últimos minutos da primeira parte, a partir do seu gol, onde tivemos uns desaxustes sobre todo provocados pola calidade de William e por Héctor; e algún momento na segunda parte antes de facer os cambios que dominaron, o partido só tivo unha cor e a cor é a amarela".

Subliña que "sabiamos onde viñamos, que non podiamos permitirnos nin un só erro porque é un equipo cunha pegada extraordinaria, con moitos e moi bos futbolistas. Voume orgulloso do que fixo o meu equipo e con esa sensación de que, estando así, podemos competir contra calquera".