RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez advirte que mañá haberá cambios no once e vaticina unha segunda volta "máis complicada aínda que a primeira"

Borja Jiménez lembrou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que o Zamora CF, rival do Dépor mañá mércores 26 de xaneiro no Estadio Ruta de la Plata (20:00 horas, Footters), "cos 3 últimos partidos, tanto Valladolid Promesas e Unionistas en casa, que o fixeron remontando, e o domingo pasado en Talavera, acumularon 3 vitorias. É un equipo que, como os que collemos ultimamente, está en boa dinámica, igual que nos pasou co DUX. Cambiaron algún xogador, caso de Jordan. Será un rival difícil. Volvemos xogar fóra de ABANCA-RIAZOR outra vez esta semana e son dos que pensa que nas segundas voltas fóra os puntos que se van a conseguir son menos. Nós imos a Zamora a gañar como facemos sempre. Teremos as nosas opcións e imos tentalo, isto está clarísimo".

Iso si, opina tamén que o Dépor "agora está nun bo momento. Temos aí variantes para a baixa de Miku e imos saír a gañar coas nosas armas ou coas que creamos que son mellores".

Advirte que "nós non imos tentar cambiar nada. E o Zamora CF agora é un equipo que a nivel defensivo están moi xuntiños como xa vimos aquí a primeira volta. Custounos moito abrir a lata porque acumulan moitos xogadores a nivel defensivo ou preto da súa área; ou cando saen a presionar é un equipo moi compacto a nivel defensivo. E imos tentar desmontar todo iso a través da pelota, que é como nós facemos sempre. Nós imos seguir sendo fieis ao que cremos que debemos de facer e ao que vimos facendo desde que comezou o ano. Non imos variar a nosa maneira de entender o fútbol".

Non ten ningunha dúbida de que será para o Dépor un partido difícil porque ademais de estar de sorte de resultados, "cando vai ao Depor todos dan a súa mellor versión. Isto non é unha escusa, pasa en calquera categoría. Non é o mesmo que che visite o Real Madrid, o Barça ou os grandes aos de abaixo. Aquí pasa igual. Cando imos nós desde o público até todos os xogadores dan a súa mellor versión. É algo normal. Mañá será un partido difícil, seguro. Non teño ningunha dúbida".

Nunha semana con tres partidos, o adestrador branquiazul admite que "o máis importante é ter o maior número de xogadores enchufados. Creo que até agora a maioría, sempre que entraron fixérono a moi bo nivel e mañá haberá cambios. Non moitos. Estou convencido de que non haberá moitos cambios ou non imos cambiar como fixemos en Copa, os 11 xogadores, porque a nosa intención é gañar o partido cos que creamos que son os mellores xogadores. É certo que temos moi bos xogadores dobrando posicións en calquera parte do campo e haberá cambios, pero non vai ser unha revolución como nos pasou en Copa. Faremos cambios porque hai xente con molestias, con dores, pero moi tranquilo porque como confío en todos os que teño non hai ningún problema".

Preguntado por Noel e a súa continuidade no Deportivo, apunta que "non vai estar en ningún sitio mellor que aquí. Xa o dixo o Presidente. O club fixo un esforzo enorme para tentar que quede ou está a facer un esforzo enorme e creo que só depende del, de ninguén máis. Persoalmente estou encantado con el porque síntome moi identificado e moi partícipe da súa evolución e para min, como adestrador, ver que cada día é mellor vouno a levar sempre comigo. Estou encantado con el, coa súa actitude, co seu compromiso no día a día e co seu rendemento. Hai que ter paciencia cos rapaces, ir tratando con certa cordura ese crecemento, pero está a facelo moi ben".

Concluída a primeira volta, Borja Jiménez cre que "a puntuación tanto do Racing como a nosa foi moi alta, tan alta que non sei se somos ou os dous que máis puntos conseguimos na categoría ou entre os 3 que máis puntos conseguiron en toda a categoría. O grupo está a ser quizá máis complicado do que a priori poden ser os grupos habitualmente, entón se cadra a puntuación vai un pouco máis alta. Está claro que a puntuación da primeira volta que fixemos non é a normal, porque fixemos moitos puntos. E agora hai que tentar facer unha segunda volta igual, porque iso si que nos achegará bastante ao obxectivo, sabendo que vai ser moi difícil repetir o da primeira volta. Pero non hai afrouxar o acelerador, senón pisarlle máis, porque vai ser máis complicado aínda que a primeira volta".