RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez alerta dun rival "extra motivado" e cre que "é momento de que todos os xogadores demostren o porqué están aquí"

Borja Jiménez conta que este sábado 24 de setembro ás 18:00 en ABANCA-Balaídos (18:00 horas, TVG-2 e InSports.tv) forme no RC Celta B quizais un dos seus mellores xogadores, Gabri Veiga: "É un moi bo futbolista que está a xogar con asiduidade en Primeira División no primeiro equipo. Coincidiu que esta semana non había xornada en Primeira División e intúo que xogará co filial".

Lembra que o RC Celta B "é un equipo que cambiou bastantes xogadores, por dentro segue tendo moito talento se está Gabri ou Martín Calderón, que o asinaron agora de Cádiz. Son xogadores no centro do campo que teñen esa pausa, ese control de xogo, gústalles dominar. Teñen, ou dentro do 3-4-3 ou o 4-3-3, xente por fóra con moita velocidade e logo atacantes como Iker, Miguel, Lautaro, que vén de facer dous goles, Pablo... xogadores de talento. É verdade que cambiaron moitas caras pero non deixan de ser moi bos futbolistas para a categoría".

Vaticina "unha loita para ver quen se fai co control do xogo, por como entendemos os dous adestradores o fútbol; e a partir de aí estar atento a calquera circunstancia que non teña que ver co control do xogo".

Borja Jiménez espera vivir en ABANCA-Balaídos "un bo ambiente de fútbol. Como sempre tentaremos que toda a xente que vai dos nosos salga moi feliz do estadio e tentar gañar. Non ten por qué haber ningún ningún altercado nin esperemos que sexa así. Isto non deixa de ser un deporte e temos que levalo coa normalidade que ten o propio deporte".

Entende que "se gañamos vaise a ver como algo normal, e se perdemos non. O que si podo asegurar é que vai ser un partido fóra de casa ante un rival que contra nós vai estar extra motivado e nós temos que estar en igualdade de condicións nesa motivación, que creo que o grupo o está. A partir de aí, fútbol".

Advirte o adestrador branquiazul que "temos 3 xogadores que levan connosco 15 adestramentos unicamente. Outros que entre molestias e algunha pequena lesión muscular non pasaron de vintetantos adestramentos. Aínda temos xente da nova que veu que está a terminar de integrarse. É momento de que todos os xogadores demostren o porqué están aquí. E non sei se o sábado ou a semana que vén teremos que ver a todos para que realmente eles expresen no campo o potencial que presupomos que teñen".

Opina que en ataque "nos falta concretar máis esa toma de decisións, último pase ou o aspecto técnico á hora de controlar un balón, de darlle a intensidade ao control ou ao pase. Son moi pequeniños detalles que hai que facer fincapé, que os futbolistas teñen que velo e hai que mellorar. Non creo que sexa un problema de conexión entre liñas. Isto é máis unha situación concreta dun aspecto técnico ou dunha toma de decisión".

Preguntado polos dianteiros, que aínda non se estrearon en liga, Borja Jiménez recalca que "o que necesitan é gol, entón por mor de non facer goles, entendo que o seu estado de ánimo non será o mesmo que se levasen 2 ou 3 goles, pero hai que ter tranquilidade con eles, confianza porque Quiles demostrou o que é para o Club, o que é para a categoría e antes ou despois fará gol. Con Gorka pasa igual, é un xogador que sempre tivo un cociente de goles por riba de 10 na categoría. Entón probablemente faraos pronto. Max moi parecido. É un rapaz máis novo pero con potencial. E daquela todos os que poidan xogar aí próximos ao 9, xa sexa Kuki, Rubén... algún xogador que o faga aí xa é diferente, pero estou convencido de que o farán. Temos que ter paciencia con eles, eles teñen a confianza nosa e farán goles porque son moi bos xogadores".

Finalmente, reitera que "o equipo séntese máis cómodo en xogo posicional que levándoo a transicións, porque para ter un equipo de moita ida e volta necesitas xogadores con moita ida e volta. Os que estaban o outro día, Rubén, Mario, Ibai, Quiles non son xogadores de ida e volta. Non son xogadores explosivos para ir ao espazo. Non creo que que se fosen a sentir moi cómodos aí. Os xogadores de tres cuartos cara a adiante o que necesitan é a pelota, non estar constantemente indo e vindo. É a miña percepción. Si creo que o equipo desde un ataque máis organizado séntese máis cómodo porque ademais lles escoitas a eles, non só xogando, senón adestrando, como insisten unha e outra vez en non perder a pelota. Danlle moito valor a ter a pelota. O propio futbolista é o que che demanda esas situacións de xogo. Nun ida e vinda pode pasar calquera cousa porque está todo moito máis aberto e a exposición para os dous equipos é máis grande. O outro día (ante o Pontevedra CF) puido funcionar os últimos minutos, pero foi máis enfocado polo que se xerou en ABANCA-RIAZOR, dese medo que lle puido entrar ao rival, que para nós é moi importante".

Así pois, pide "paciencia porque é como os xogadores séntense cómodos e temos que reforzar iso, que é a maneira onde eles van sacar o seu máximo rendemento".