RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez asegura que o Dépor "ten iso tan especial que fai que haxa xogadores que chamen para vir aquí"

Borja Jiménez subliñou esta mañá na súa rolda de prensa semanal que a chegada de Ibai Gómez "é unha oportunidade que non deberiamos de deixar pasar pola súa traxectoria, por sobre todo o interese que mostrara desde o primeiro momento en estar connosco, en vir axudar, en poder achegar o seu gran de area. Ten moitísimas ganas de vir para acá. Así mo transmitiu desde o primeiro momento que falei con el. Non houbo que convencer ao xogador. Estaba convencido e onde quería estar era aquí. Estamos contentos, sabendo que o temos que poñer a adestrar como a todos, que vaia collendo o ritmo, que vaia adaptándose á carga de adestramentos e xa está. Seguro que nos pode achegar cousas interesantes para conseguir o noso obxectivo".

O técnico deportivista móstrase contento "igual que con todos os demais xogadores. É verdade que é unha fichaxe que a priori ten moito renome pola súa traxectoria, porque fai moi pouco estaba a facer goles en Primeira División. Estamos encantados de todo o que xerou en #ANOSAFORZA, esa ilusión. Agora seguro que el ten a capacidade de referendalo con boas actuacións".

Opina que o seu papel nas fichaxes respecto da temporada pasada "está a ser a mesma. Hai unha Dirección Deportiva que é a encargada de buscar os mellores xogadores para o Club. O único que fago con case todos é, cando xa está todo o tema solucionado, moitos deles teñen inquietudes por coñecer o que se espera deles e aí é onde eu entro. Case na ultimísima fase, coa situación completamente arranxada co Club. Hai algún xogador que pediu falar antes comigo para coñecer máis cousas do que quería del, pero polo xeral o procedemento é a través da Dirección Deportiva, que son os que deciden que xogadores escoller, de que maneira facelo dentro do perfil que nós queremos, que estamos a buscar. Igual que nalgún momento pódeselles criticar, agora é de encomiar que puidesen traer aquí a Ibai, que nos vai a axudar durante o ano".

Así pois, reitera que a súa participación nas fichaxes "é a mesma de sempre, tentar non convencer ao xogador porque cando eu entro na conversación, xa está convencido de vir aquí, senón explicarlle o que esperamos del ou a función que eu quero darlle. Hai algún caso en concreto que antes de dar o si quero, por dicilo dalgunha maneira, prefire falar co adestrador, pero non todo o mundo é así".

Precisamente con Ibai e Retuerta incorporados desde a última rolda de prensa, "agora seguimos valorando tres ou catro incorporacións. Arriba na dianteira necesitamos un compañeiro de Gorka, que estamos a ser pacientes con iso, tentando buscar a mellor opción. A priori temos claro que só vai ser un xogador nesa demarcación se atopamos o que estamos a buscar, que eu son bastante optimista e creo que pode ser moi positivo o que estamos a esperar. E alguén máis que poida facer de 8 ou de 10, o perfil do que nos podía dar o ano pasado Juergen Elitim. Ir vendo como se vai comportando o equipo, que liñas cremos ou en que demarcación vemos que podemos estar máis xustos e aí reforzaremos. Imos ir a cadro máis curto, iso témolo claro; e ímolo a ir facendo con calma. Está a ser un mercado máis lento, pero esta semana conseguimos incorporar dous xogadores. Hai que ter paciencia porque quizá o mercado do ano pasado foi diferente. Este ano hai moitos equipos e moitos que a priori van estar arriba e que nos estamos pelexando polas fichaxes".

Iso si, advirte que o Dépor "ten iso tan especial que fai que haxa xogadores que chamen para vir aquí".

Así mesmo, desvela o adestrador deportivista que o dianteiro pretendido xa ten nome e apelidos, "está falado desde hai tempo e hai que ter paciencia".

Insiste en que é "optimista" coa chegada dunha fichaxe de relumbrón: "Pode existir a posibilidade. Necesitamos xogadores que queiran vir aquí, que vexan isto como o momento de axudar, ese momento que o club os necesita, que sintan ilusión por vestir esta camiseta. Iso é o máis importante. Ese perfil pódese conseguir con xogadores novos que para eles sexa un soño estar aquí ou con xogadores que vivisen a mellor época do Dépor e que queiran axudar porque o consideren un gran Club".

Sobre Retuerta, Borja Jiménez conta que se trata dun "perfil diferente a Héctor e Aguirre, que eran os xogadores que o ano pasado ocuparon esa demarcación. Pode facer tamén de central, que a polivalencia sempre permite aos xogadores ter máis opcións de xogar. É un rapaz, que estivo moitos anos nunha canteira, que ten aprendidas moitas cousas, que a nivel técnico os xogadores que están en canteiras adoitan ser dunha calidade elevada e que hai que ver como van evolucionando. Temos claro que nos pode achegar cousas diferentes nas dúas demarcacións e que é un complemento moi bo para o noso cadro, que vén tentar xogar todos os días, que cremos que nos vai a achegar e que pensamos que pode sorprender a moita xente. Como con todos os rapaces, Retuerta neste caso tamén o é. Hai que ter paciencia e ir vendo a evolución".

Preguntado polos canteiráns presentes nesta pretemporada, pide prudencia e lembra que "hai que velos. Hai que ver como evolucionan. O ano pasado tivemos xogadores que o fixeron con asiduidade cando estiveron dispoñibles e isto vai ser igual. O éxito para eles ou a sorte é poder estar a adestrar co primeiro equipo. A partir de aí, o minutaje téñenllo que gañar eles coas súas accións, cos seus adestramentos, co seu compromiso, coa súa ilusión... Iso non lles pode faltar porque senón fáltalle ao 'capi' ou a Antoñito ou a Ian, aos rapaces non lles pode faltar. Por desgraza hoxe no mundo do fútbol isto ocorre con moita asiduidade. É curioso pero agora os que teñen máis ilusión non é a xente nova, senón a xente que leva moitos anos nisto, que viviu éxitos, que estivo moitos anos no fútbol profesional e que poden interpretar que están nos seus últimos anos de carreira e espremen o adestramento, o día a día coma se fose o último. Iso é o máis importante e é do que se teñen que empapar eles tamén. Teñen unha oportunidade moi bonita polas circunstancias, porque moitos deles fixeron méritos para poder adestrar co primeiro equipo. A partir de aí, o que sexa bo xogará moito. O que non sexa bo, terá menos opcións. Irémolos vendo. Poñerse a elucubrar de como pode evolucionar un xogador de 17 ou 18 anos é moi difícil. Eu non me atrevo a dicir como van evolucionar. Oxalá evolucionen moi ben porque son un activo moi importante para o Club".

Nesta liña, acerca de Yeremay manifestou o técnico branquiazul que a súa situación "é a mesma que con calquera xogador do cadro. A importancia vailla a gañar el. O ano pasado tivo participacións boas, malas. Isto consiste en traballar e en demostrar. O que teña a capacidade de traballar e demostralo, terá máis opcións que o que non. Trátase de que os xogadores adestren moi ben, rendan moi ben, teñan un compromiso moi alto e moita ilusión de estar aquí. Hai xente que chama para vir xogar ao Deportivo. O que queira ou non queira estar aquí, iso son decisións de cada un. O que hai que facer é facer as cousas ben, adestrar, aproveitar as oportunidades e ir para adiante. Son rapaces moi novos e cunha capacidade de mellora moi grande. E neste caso Yeremay cun talento moi bo".