RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez cre que "estamos agora mesmo onde queriamos" aínda que lembra que "queda moitísimo"

Borja Jiménez subliñou na sala de prensa do Estadio Reino de León que "estamos contentos porque fixemos unha boa primeira parte. Fomos capaces de repoñernos do empate na primeira parte moi rápido, logo igual no 2-2. É certo que a segunda parte custounos un pouquiño máis, perdemos o control, tentamos con máis centrocampistas ter o control de xogo. Até os 10, 12 últimos minutos da segunda parte custounos dominar o xogo. Pero moi contentos. Ganas no 90, non sempre nos ía a tocar a mala nos minutos finais. Contento porque fixemos este medio ano moi bo, cunha puntuación moi alta, sendo capaces, cando non han ir as cousas como esperabamos, de ter moita calma. Estamos agora mesmo onde queriamos. Queda moitísimo. Isto é moi longo, quedan aínda dúas xornadas da primeira volta e xa temos 37 puntos, así que temos que valorar positivamente todo o que fixemos".

Sobre a despedida do campo con #ANOSAFORZA, recalca que "son a hostia. Xa cando viñamos na estrada cada tres minutos pasaba un coche que sacaba a man, a bandeira. Parece que nos estiveron guiando desde A Coruña. Son moi bos".

A pesar da euforia da celebración no campo do terceiro gol de Miku, o técnico branquiazul desvela que "temos un vestiario moi tranquilo. A xente adoita ser moi cabal na vitoria e na derrota. É verdade que hoxe estaban algo máis contentos, pero a felicidade era tamén un pouco porque se van a casa e téñenme que deixar de aguantar sete días. Influían as dúas cousas, o gol de Miku no 90 e o perderme de vista unha semana. Gañar no último minuto dáche ese plus de felicidade. Mantivemos a distancia co Racing, aumentamos co UD Logroñés, que é un dos rivais directos. Temos que facer un pouquiño de bagaxe de todo o que está a facer o equipo para saber que non é fácil".

Explica que na segunda parte "queriamos ter o control e a raíz do control tentar facer o terceiro. O que tiñamos moi claro é que co empate non nos iamos a ir contentos. Por iso volvemos a meter dous extremos para quitar a Álex, un mediocentro, e a Willy, que xa estaba demasiado crispado. Queriamos os tres puntos. Por mor dos cambios outra vez volvemos a estar cómodos ou polo menos a ter un pouquiño máis o o control e que eles non nos atacasen. Xa o dixemos na previa que ía ser un partido de goles e así foi. Eles nas dúas ocasións que xeraron tiveron moitísimo acerto cos dous golazos de Aarón. Pero contento porque che empataron dúas veces e aínda así seguiches crendo para facer o terceiro".

Borja Jiménez vaticina unha segunda volta "aínda máis igualada. Imos vivir máis partidos destes, máis apertados porque aquí todos nos xogamos moito. Xa vimos como apertou a Cultural. Aquí houbo equipos que perderon. Fóra de ABANCA-RIAZOR todo o que consigamos vai ser ouro".

Destaca "a fe que ten o equipo en todo o que fai. Hoxe outra vez con Noel, Miku, Quiles, Willy... Daquela os cambios achegáronnos: Villares, Rafa de Vicente, Mario que saíu estupendo outra vez aí en dúas accións e o pase de gol. Os que non participaron igual, tedes que ver as carreiras que houbo para celebrar o gol na outra esquina. Iso fala moi ben do equipo".

Finalmente, Borja chega a este parón do Nadal "moi contento porque sinto ao equipo como quero. Hoxe habemos ir ao rock and roll, a ida e vinda constantemente a ver que pasaba. O equipo tamén está cómodo aí. Hai días que buscamos máis control e o equipo é moi sólido. Viñamos de gañar en ABANCA-RIAZOR e criamos que os resultados convidaban a que nos metían presión e dixemos: 'pois para presión imos a por iso'. Voume moi contento cos rapaces, coa predisposición que teñen, co traballo semanal, coas facilidades que nos dan no día a día para traballar cun grupo que quere tanto".