RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez cre que estamos ante "un partido dos máis bonitos da categoría sen lugar a dúbida"

Borja Jiménez admite que este domingo 24 de outubro (12:00 horas, Footters) ante o Real Racing Club en El Sardinero "imos visitar ao que a priori vai ser un dos nosos rivais directos. Tiñámolo claro desde o principio, un pouco por entidade do club, polo proxecto que fixeron e pola masa social que teñen. Pode ser similar ao que temos nós aquí".

Iso si, asegura que "nós o afrontamos como un máis porque está aínda moi lonxe o que vaia a pasar en maio; pero é verdade que é deses partidos especiais polo escenario onde vas. Vimos en bo momento, independentemente dos resultados. Aínda que o último fora unha vitoria, o equipo cada vez vai facendo máis cousas, que para min como adestrador é o importante".

Advirte que o Real Racing Club é "moi bo equipo que tamén vén con moi boa dinámica, que gañou todos os partidos en casa que xogou até agora, e que nos vai a poñer as cousas moi difíciles. Un partido dos máis bonitos da categoría sen lugar a dúbida".

Deixa claro que "cando es o Deportivo tes que focalizarte moito en ir mellorando o que vas facendo mal durante a semana. Estamos moi centrados no noso traballo diario, de mellora sempre", pero no entanto subliña do Racing que "ten xogadores a nivel ofensivo moi potentes; con desequilibrio por fóra dun contra un; do mesmo xeito que nós xogadores que son internacionais como é Pablo; de talento en tres cuartas partes de campo; con experiencia por dentro no centro do campo: Borja, Fausto, Sergio, Iñigo... Ten moi bo equipo e a nivel defensivo conta con futbolistas que o ano pasado estiveron en Segunda División, con moita experiencia. É un moi bo equipo que fai cousas ben con pelota, que transita moi ben sen pelota, que non lle importa defender en campo propio. Imos vivir un partido bonito sabendo que o importante somos nós".

O adestrador branquiazul indica que "imos tentar ter a pelota. Non vai cambiar o noso estilo de xogo dependendo de quen sexa o rival. Temos claro que nos enfrontamos a un rival que en fases do partido vai querer a pelota e que nos obrigará a defender como cada semana, pero queremos que predomine a nosa fase ofensiva de xogo. Está claro que cando ti es dominador, os equipos atácanche en transicións, porque iso é así. Pero se o levas ao noso contexto, cando o equipo rival afúndenos, nós somos un equipo que saca moi boas transicións tamén. Entón, o que teña o dominio da pelota será o que domine o partido, independentemente de que o outro equipo poida sacar boas transicións, porque os dous temos bos pasadores, xente rápida, xente que vai ben ao espazo".

Pediu prudencia a #ANOSAFORZA, presente de forma numerosa en El Sardinero, para o desprazamento: "É o maior ou un dos maiores activos do Club. O que digo sempre que se desprazan, que teñan coidado na estrada. É moi importante que cheguen todos e que gocen do partido independentemente do que ocorra. Sei que nos van a apoiar tanto gañemos como perdamos, porque é unha afección super fiel que o que nos esixe cada semana é deixarnos a vida polo escudo que defendemos, e iso saben que é obrigatorio os xogadores e a afección sabe que o van a facer".

Preguntado pola histórica cita do Xuvenil A na Youth League do pasado mércores, recalca que está "moi contento polos rapaces, gozámolo moitísimo nunha competición que é moi bonita de xogar. Oxalá poidan seguir coa boa traxectoria que ten o equipo, que sigan pasando eliminatorias e facéndonos vibrar como o outro día. É unha maneira de sentirse orgulloso do que fan sen cargarlles de moita responsabilidade; que sigan gozando, pasándollo ben e que nos fagan gozar máis tardes como a que vivimos o mércores en ABANCA-RIAZOR".