RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez cre que "non estivemos á altura" e pide "facer autocrítica colectiva e sobre todo individual"

Borja Jiménez, en primeiro lugar, pediu "desculpas a #ANOSAFORZA, a todo o mundo porque non estivemos á altura do que viñamos estando e sobre todo do que merece o Club".

Do partido, explica que "entramos moi mal ao partido. Nos 6 primeiros minutos fomos incapaces de controlar a pelota e no minuto 5 ou 6 o primeiro achegamento lástranos co gol. Faiche coller máis dúbidas, estás máis impreciso, vas perdendo confianza en todas as túas accións. Non estivemos absolutamente nada precisos coa pelota, sen ela estabamos moi longos... Tentamos xuntarnos un pouquiño máis, axustar as distancias que había fóra. Fomos tentando modificar cousas. Houbo aí 5 ou 10 minutos que medio collimos a pelota e que nos permitiu ter a situación do pau de Miku, algunha chegada de Trilli, pero por salvar algo".

A segunda parte, segundo o técnico deportivista é "un pouco igual. Entramos fatal ao partido. A primeira acción vólvenos a penalizar. Entón animicamente mátache e non estivemos. Non comprendo nada porque até hoxe sempre se di que hai un día malo, pero non era o momento de ter o día malo. Non estivemos á altura, non gañamos duelos, non estivemos precisos coa pelota. Hai que facer autocrítica individual, autocrítica colectiva pero sobre todo individual e saber que estivemos moi mal".

Non cre que o Dépor sexa un equipo "que se lle faga gol facilmente porque somos o menos goleado. Hoxe si mostramos unha debilidade defensiva, pero non a liña defensiva, senón todo o mundo; en certa parte actitudinal de non entrar ben ao partido, non de non querer gañar o partido, senón de non entrar ben ao partido que non nos permitiu ter ningunha opción en ningún momento. En ningún momento estivemos dentro, quitando 5 ou 10 minutos da primeira parte coas situacións no lado dereito, pero nada máis. Non tivemos a consistencia de tentar agarrarnos cando non estás ben, de dicir 'imos alargalo'. Non tivemos esa capacidade e iso é o que me doe e así llo mostrei aos xogadores. Isto non é cuestión de dicir hoxe foi un desastre de maneira colectiva. Hai que analizar rendementos individuais e eles teñen que ser os primeiros en darse conta de que hoxe non estivemos á altura".

Ten claro que o plan de partido "non é o adecuado. Cando perdes 3-0, o primeiro equivocado é o adestrador. Non acertamos o que queriamos ou non soubemos transmitirllo aos xogadores. Non hai ningunha, ningunha, dúbida diso. É parte do fútbol, cando se perde sempre é o adestrador o primeiro que se equivoca e ten que ser así. Eu a facer a miña autocrítica individual e eles a súa porque hoxe non saíu absolutamente nada. E iso non nolo podemos permitir. Non hai cousa que máis me desbasta".

Insiste na sala de prensa do Nuevo Vivero que "hoxe calquera análise vai condicionado polo 3-0. Non tiven as semanas anteriores esa sensación de que o equipo non estaba ben. Non estabamos a gañar, pero non que o equipo se caese e hoxe si que a sensación é mala. Como se reverte iso? Traballando máis. É que a única forma ou a única fórmula é dedicarlle máis tempo, transmitirllo doutra maneira, seguir buscando solucións que creo que o facemos no día a día, con cambios individuais, con cambios de sistema, adestrando, buscando que eles se vaian reencontrando co que mostraran. Todo o mundo temos que facer autocrítica porque está claro que o principal responsable é o adestrador, pero hai que facer autocrítica co que pasou hoxe, que non estivemos á altura. Hai que recoñecelo. Non pasa nada recoñecelo".

O adestrador branquiazul segue "convencido de que o imos a conseguir. Hoxe é moi difícil de explicar e é case imposible que ninguén o entenda. Pero sigo confiando porque tiven momentos de dificultade noutros equipos en canto a sensacións e ao final persoalmente sempre o conseguín. Estou súper confiado, creo que temos os mellores xogadores para facelo. Estamos en mal momento, é súper entendible que a xente agora mesmo non confíe en nós. É moi lícito. Vimos de non facelo ben as últimas semanas e #ANOSAFORZA ten que estar encabuxada porque é normal. Ten pouca escusa. O que si que teño moi claro é como o imos a conseguir. E traballar máis sobre todo para aqueles que, como creo que foi até hoxe, sentan polo menos orgullosos do que fai o seu equipo. A fórmula é traballo, traballo e traballo".

Advirte que "cando a nivel mental estás mellor, todo é moito máis fluído. Hai que traballar todos os aspectos, pero o principal é a autocrítica de cada un de nós para saber onde estamos, o que defendemos e que temos que facer. Solucións tácticas hai miles, miles delas que se tentan. Metemos a Borja para ter pé na esquerda e non necesitar un xogador máis por fóra para con dous poder ter superioridade no inicio. Metemos hoxe de inicio a Diego porque queriamos aí un xogador máis vertical que pode ser un pouco máis que Héctor. Abrimos o campo con Willy para que tivesen máis espazo as puntas. Buscamos con Quiles alguén que nos puidese dar algunha caída máis... Solucións tácticas hai 1000 e estámolas buscando. Hoxe non acertamos, se non non perdes 3-0 nesta categoría nunca".

Borja Jiménez non ten sensación de desconfianza "por parte do Club. Intúo que hoxe estarán decepcionados con todo o que ocorreu, pero a análise ten que ser non só con estes 90 minutos senón con todo o que o que está a ocorrer e a afección é soberana, é moi entendible. O equipo non gana. Sempre as primeiras miradas apuntan ao adestrador. Non lles podo dicir nada. Empecei pedíndolles desculpas porque ao final hai xente que faría 10 horas de viaxe, deixan moitas cousas de facer outra tanta xente que estará na súa casa. Non lles podo dicir nada. Pedirlles desculpas e sobre todo que sigan confiando, porque sigo convencido igual. Hoxe é máis fodido transmitilo, é máis fodido dicilo de que o imos a conseguir".

Recoñece que "non estamos en bo momento. Agora non estamos ben. Se a palabra é crise, pois pode ser. O adxectivo que queira pór cada un, pero non estamos ben porque levamos 3 partidos sen gañar. É verdade que non encaixaramos as semanas anteriores. Hai que reaccionar, iso está clarísimo. Quedan 10 xornadas de liga e ímonos autoexigir facer os 30 puntos que quedan. É que non hai outra solución".

Ao finalizar o encontro, comenta que "cando perdes e non tes boas sensacións o xogador enfádase. É normal que se enfade cos rivais, co árbitro, con todo o mundo, pero nin os rivais teñen a culpa nin o árbitro tampouco. Autocrítica, mellorar e mirar para adiante".

Ve normal que esta noite o deportivista "teña medo despois de ver un pouco o que pasou. É súper entendible que hoxe non confíe en ningún, nin nos xogadores que hai dous meses parecíanlle bos nin no adestrador. É o máis lóxico. Se aumenta (o Real Racing Club) a distancia, está máis lonxe, pero é que até o último momento hai que insistir porque nunca se sabe que pode pasar, de que maneira. Hai que crer até a última acción do último partido. Sempre que haxa vida hai esperanza e nós, por como é o seu adestrador, por como son os xogadores, ímolo a tentar e ímolo a conseguir porque quedan moitísimos puntos. Queda moito. Está claro que agora é difícil de explicar e máis despois dun resultado, pero creo que queda moito. Non creo que o Racing vaia a gañar os 11 partidos. Non o creo porque te vas dando conta que agora se aperta moito máis. Pero tennos que dar un pouco igual iso no aspecto de que os que temos que mellorar somos nós. Se nós non melloramos, dá igual o que faga o Racing, Temos que mellorar nós para volver obter resultados que obtivemos, que nos permitiu ir líderes moito tempo e que agora non estamos a ese nivel e por iso non gañamos. Hai que facer autocrítica desde nós mesmos. Se gaña o Racing, máis lonxe imos estar porque nos van a aumentar a distancia, pero até o último momento imos ir a por iso porque é a forma de conseguilo. Non nos poden dar por mortos porque o imos a tentar".