RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez destaca a presenza de #ANOSAFORZA o domingo en ABANCA-RIAZOR: "Imos necesitar o seu alento"

Borja Jiménez asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "chegamos (ao comezo ligueiro) con todo o mundo moi enchufado e con moitas ganas de que empece a competición", este domingo 29 de agosto en ABANCA-RIAZOR ante o RC Celta B (Footters, 21:30).

É consciente, en canto ao rival, que "os filiais buscan unha tendencia a ser o máis competitivos posibles e máis nesta categoría que é nova, que vai haber un número de descensos importantes. Todos buscan esa maneira de permanecer nesa categoría".

Recoñece que o encontro é "moi especial porque é o primeiro partido de liga, imos debutar en ABANCA-RIAZOR ante #ANOSAFORZA. Para min é o máis importante desta semana, que podamos ter 14.000 ou toda a xente que nos permitan estar dentro do campo. Ímolos a necesitar durante todo o ano e o domingo é a primeira pedra de toque para todos; para que #ANOSAFORZA entenda que van ser determinantes en casa, que imos necesitar o seu alento sobre todo cando peor esteamos. Vai ser un ano positivo e imos tentar que gocen cada sete días para que en maio ou xuño puidésemos conseguir o obxectivo".

Resalta que "empezar gañando é moi importante. É positivo. Desde as vitorias constrúese todo moito mellor. É importante que o equipo vaia crecendo, que desde o día 1 se vaia vendo unha evolución para que cando realmente se xoguen os postos, entre a xornada 25 e 35, ten que chegar en boas condicións e ben situado. O novo formato de competición vai facer a liga moito máis igualada. Nos grupos haberá dez ou doce equipos que quererán xogar playoff e ascender; e os seus cadros están configurados para iso. Non hai que poñerse a capa de Supermán cando gañemos tres partidos seguidos, nin tirarse por unha ponte cando perdamos dous".

Preguntado sobre os últimos días do mercado de fichaxes, o técnico deportivista indica que "se hai bos xogadores no mercado e temos a posibilidade de traelos, traerémolos. Se non, estou moi contento con todos os que temos aquí. Estamos a buscar poder incorporar a algún xogador dunhas características moi determinadas. ¿Que se dá a situación os últimos días de mercado? Farémolo. ¿Que non se dá? Non hai ningún problema. Temos un cadro moi amplo; xogadores do filial que están connosco que o están facendo a un nivel espectacular; tres internacionais sub-19, que é un fito para o Club. Eu estou moi contento".

Tamén está "encantado" coa súa dianteira: "Miku o ano pasado cando a nivel muscular estivo ben demostrou a facilidade que tivo para facer gol; Quiles é un xogador que leva anos facendo goles; Noel, que é recentemente internacional... ¿Que vén alguén que os mellore? Pois bo. Pódese dar. O mercado xa sabedes como é".

En canto a Yago Gandoy, lembra que "sabe a situación e ten que valorar as posibilidades. É o seu futuro. Se el quere saír sairá e se non quere saír non sairá. A súa situación por parte do staff técnico coñécea desde hai tempo".