RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez: "Estou moi contento cos xogadores que temos aquí"

Borja Jiménez mostrouse satisfeito este mediodía en rolda de prensa coa pretemporada, especialmente cos dous últimos partidos en ABANCA-RIAZOR fronte a equipos de nivel (SD Ponferradina e Real Madrid Castilla): "O equipo tivo o control do xogo, que é moitas veces o que buscamos; a capacidade de competir moi ben ante un equipo de Segunda División con méritos de poder sacar un resultado un pouco mellor. E co Castilla igual. Xeramos situacións próximas ao gol. Os dous últimos rivais foron dunha esixencia grande. Estou contento sobre todo por como vai evolucionando o equipo internamente".

O técnico deportivista ademais asegurou estar "a nivel colectivo moi contento coa predisposición de todos os xogadores. O seu comportamento está a ser moi bo. É un grupo receptivo ao tema audiovisual, á mellora. Termina un adestramento e calquera situación que lle xere incerteza pregúntache. Estou moi contento cos xogadores que temos aquí e cos que teñan que chegar".

Admite que en canto ao ERE no Club "está claro que non é a situación idónea para adestrar porque sempre existe a incerteza por parte dos xogadores de quen pode verse afectado, quen non. Pero hei de dicir por parte de toda a xente que estamos no día a día en Abegondo (corpo técnico, médico, fisioterapeutas, utileros, todo o mundo, xente de prensa...) que manexamos moi ben a situación. Démoslle normalidade dentro do que supón. Quixemos que o xogador se sentise moi ben tratado, por parte de todos os que estamos aquí. Todos somos persoas, todos temos os nosos problemas cada día e hai que afrontalo con normalidade, ser próximo e comprender a situación de cada un deles".

Ademais, desvela que os xogadores que non participaron no último amigable foron por causas deportivas, caso por exemplo de Celso Borges ou Yago Gandoy: "Os dous coñecen a súa situación por parte do míster. Non hai ningún problema. Non hai ningunha orde de Club. Non hai nada diso. A min ninguén do Club díxome 'este que xogue e este que non xogue'".

Sobre os reforzos, remítese á Secretaría Técnica, aínda que explica que "por fóra nos faltan xogadores. O fútbol enténdoo con extremos de talento. Aí estamos coxos. Está a custar atopar xogadores, quizais máis do que pensabamos. Pero quedan dez, doce días de mercado e seguro que por fóra poderemos traer un ou dous xogadores. E depende do que ocorra por dentro igual incorporar a alguén máis. A nivel defensivo e en portería estamos cubertos. Temos a achega de Trilli, Peke e Noel que para nós está a ser moi positiva. Estamos contentos con como están a traballar".

Nesta liña, subliña que "traer xogadores que veñan encher ou a un nivel numérico non son partidario. Prefiro ter menos. Que os que traiamos achéguennos cousas diferentes ou que nós creamos que poidan ser esas cousas diferenciais".

Tivo palabras de eloxio para Celso Borges, do que sostén que é "unha persoa fantástica, un profesional incrible. Descoñezo a súa situación porque son temas persoais de cada un. Pero aquí compórtase como os demais desde o primeiro momento, tenta adestrar como o mellor. Está claro que por dentro temos moitísimos xogadores, moitísimos. Non ten sentido levar tres mediocentros ao banco. Vaise achegando a competición e hai que ser franco co xogador, para que el entenda cal é o seu rol inicial dentro do equipo, e logo non poida botarche en cara nada".

Respecto de Keko, destaca que "non podo tomar a decisión de se segue ou non. Si que é verdade que cantos máis días pasaban máis estaría preto que quedase. Pero xa sabedes como é isto. O que si está claro e o Club ten que ter claro é que se perdemos un xogador do talento individual de Keko necesitamos traer un co seu talento individual, con desborde por fóra, desde parado... Porque se non imos estar con esta carencia. Cada xogador que salga de aquí é para traer un que salga mellor. Se non nos estariamos hacendo dano a nós mesmos".

Tamén está satisfeito con Trilli, con Peke, do que indica que é un xogador "cun talento difícil de atopar. Claro que ten unhas cousas que temos que ir traballando con el"; e por último está contento con Noel. "Son apostas de futuro do Club, son xogadores cun futuro importante no Club. Vai depender deles mesmos que estean no primeiro equipo. Se o seu rendemento é tan bo como en pretemporada estarán no primeiro equipo. Se baixa, baixarán ao Fabril. Catalogalos como primeiro equipo ou non para eles non vai ser bo", apunta. "Teñen que aproveitar a oportunidade. Cando se che presenta unha oportunidade así hai que collela forte coas dúas mans e tentar morrer por ela, por defender este escudo e por estar no primeiro equipo. E até agora é o que están a facer", engade Borja.

Finalmente non pon ningún pero ao traballo da Secretaría Técnica do Deportivo, do que insiste en que empregan moitas horas de traballo para facer o mellor cadro posible: "Cando un dá todo o que ten ao final as cousas terminan saíndo".