RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez laméntase da ocasión clara da primeira parte "porque son situacións que cambian os partidos"

Borja Jiménez lamentouse na sala de prensa de El Sardinero da ocasión clara que dispuxo o Deportivo na primeira parte, "que tiñamos que materializar porque son situacións que cambian os partidos. Temos moito tempo para decidir o que facer e non o fixemos. Quixemos levar o peso do partido e conseguímolo case en todas as fases, excepto aí o inicio da primeira parte que estivemos un pouquiño máis incómodos. É a nosa forma de atacar e o Racing é a forma que ten de xogar".

Cualificou o encontro como "bastante pechado en canto a situacións de gol. Faltounos algo máis de profundidade por fóra, achácoo a un pouquiño máis de querer facer dano os xogadores de última liña. Non estivemos como outros días, pero viñamos a un campo moi difícil ante un gran rival e sacamos un punto que non nos deixa contentos do todo porque sempre que xogamos queremos gañar, pero hai que valoralo como positivo".

Recoñece que "desde os primeiros minutos da segunda parte até o minuto 10, 12 perdemos un pouco o control. Non estabamos cómodos, eles foron un pouquiño máis agresivos en canto á presión. Nós xa non tiñamos eses xiros con xogadores dentro. Pero coa entrada de futbolistas novos como Álex, Mario Soriano e Doncel, que foron os tres primeiros cambios, volvemos a coller o peso os últimos minutos".

Opina que "nos faltou profundidade. Si é verdade que en situacións de Víctor sobre todo na segunda parte chegamos; o centro de Héctor... Está claro que non podiamos xerar o volume de ocasións que outros días e en ABANCA-RIAZOR. Xogamos fóra de casa, temos que valoralo. Pero vin ben ao equipo, quizá cun pouquiño máis de acerto aí en tres cuartos que nos faltou. De feito os primeiros minutos tivemos dúas perdas, fixéronnos transicións que ao final é a súa maior arma. Por iso tentamos reestruturar e cambiar un pouco o equipo".

Confesa estar "fodido por non gañar, porque sempre quero gañar ao que xogue, dáme igual, do parchís polas tardes ao fútbol os domingos. Quero gañar sempre. Non gañar faime estar internamente fodido, pero se fago unha valoración do partido a unha valoración que xogamos fóra de casa ante un rival que vai estar arriba connosco todo o ano, pois quizá máis a longo prazo durante a semana poida ver o lado positivo do empate; pero non gañar a min xérame un pouquiño de insatisfacción".

Destaca o adestrador branquiazul a nivel defensivo que o Deportivo este mediodía "foi moi solidario, como o vén sendo cada semana. Temos bos xogadores a nivel defensivo, en duelos individuais. Temos un equipo moi comprometido en fase defensiva as poucas veces que o facemos. O equipo quere defender, sabendo que temos xogadores que dentro dese querer defender, caso de William, Quiles... non están afeitos e cústalles. Supoño que despois da análise máis tranquila en casa sacaremos lados positivos. Buscaremos mellorar para semanas seguintes e xa está. Un punto máis, a semana que vén xogar en ABANCA-RIAZOR e a gañar".

Cre que é unha "noticia fantástica" o ambiente vivido en El Sardinero: "Desde que collemos o autobús até aquí atopámonos moita xente do Dépor animando en terrazas. A vida é poder gozar destas cousas e para nós que #ANOSAFORZA acompáñenos é fundamental. Estamos moi contentos de que se sentan identificados co que fai o equipo, que para eles era fundamental este ano ese arraigamento ao que se está facendo. O equipo está a conseguilo. Felicitar ás dúas afeccións que tiveron un comportamento espectacular desde o quecemento e que teñan boa viaxe de volta a casa, que é o importante".

Finalmente márchase Borja Jiménez de Santander "satisfeito porque o equipo tivo a valentía de vir a un dos grandes campos da categoría e dominar, que era un pouco o que buscamos e como nós entendemos o fútbol. Racing e Deportivo son estilos diferentes pero igual de respectables. Cada un marca o camiño que elixe para conseguir o obxectivo. Nós desde o día de Irún, que non nos deu o resultado o que fixemos durante o partido, e anteriormente desde o inicio buscamos sempre o mesmo. É a nosa forma de entender o fútbol, a miña forma de entender o fútbol e non imos renunciar nunca a iso, pase o que pase e o rival que teñamos enfronte. Adestramos durante a semana para poder vir a calquera campo e tentar dominar e someter ao rival. Está claro que cando ti tes a pelota, a nivel ofensivo o equipo rival ofrece menos e telos máis controlados, que era un pouco o que buscabamos".