RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez: "Non estou 100 % contento co que fixo o equipo, creo que debemos facer máis cousas"

Borja Jiménez manifestou na sala de prensa de Lezama que a reclamación do Dépor por presunta aliñación indebida de Diarra e Artola no Bilbao Athletic, "é un tema de club. Intúo que o farán, pero non o sei. Nós si que eramos coñecedores dos xogadores que estaban sancionados. E estrañounos un pouco ao comezo do partido, pero a partir de aí é un tema de club. Faise todo máis raro porque non entendes o porqué, pero non sei nada, non falei co Club, só sei a parte que me corresponde". O técnico deportivista recoñece que "non coñezo moito a norma, pero nós contabamos con que non participasen. Iso é un pouco a información que nós internamente tiñamos ao facer a análise do rival, pero nada máis". Mostrouse coñecedor doutros casos, "durante o ano, do Logroñés, xogadores que non puideran xogar a semana seguinte ao Extremadura, o caso de Alfaro, por exemplo. Eramos coñecedores de como podía ir a norma", conclúe.

Sobre o partido en si, opina que "custounos nos dous inicios, tanto na primeira como a segunda parte, entrar ao partido. De feito, na segunda parte sacamos un punta para poder retomar o control. No inicio da segunda parte fixemos o gol. Non manexamos ben despois do gol. Outra vez co empate tivemos 3 situacións moi claras: a de Doncel temos que facer gol; a de Miku; incluso o remate de cabeza de Álex. Estamos a falar dun porteiro de Primeira División que estivo a un nivel moi grande. A de William na primeira parte... pero temos que xerar máis, temos que ser máis dominadores, hai que facer autocrítica porque o único que nos vale é gañar. Se co que xeramos non nos dá, pois hai que facer máis cousas. Non estou cento por cento contento co que fixo o equipo, porque creo que debemos facer máis cousas".

Ve complicada a primeira praza porque "o Racing agora mesmo non perde nunca. Dá igual onde vaia, con quen xogue... Se non perden nunca está claro que está descartada. Imos ver como se resolve todo este tema, nós ímolo a tentar até o final. É ir gañando partidos porque se non somos campións, a mellor maneira de chegar ao play off é gañar e temos que prepararnos para iso. O ascenso vainos a valer igual sexa como campións, que é o que queriamos todos e polo que pelexamos a metade do ano facéndoo ben. E se non, pois teremos que ascender no play off. Aquí o caso é conseguilo".

Sobre o estado anímico do grupo, lembra que "viñamos de partidos perdendo fóra de ABANCA-RIAZOR. (Hoxe) Foi un partido igualado, é a realidade. Quizá por ocasións podemos merecer gañar. A única maneira de ir collendo confianza é ir gañando. Hai que seguir insistindo e non tivemos esa capacidade. Hai que mellorar, pensar no domingo, DUX Internacional de Madrid, e gañar. A nosa idea era gañar, non tivemos esa capacidade, pedir desculpas como sempre o facemos cando non gañamos e traballar para chegar o mellor posible a todo o que vai vindo".

Non achaca a causas físicas nin mentais o feito de iniciar hoxe o partido peor que o rival: "Hai veces que o rival está mellor que ti e non te adaptas de inicio; e hai outras veces que es ti. Non é unha cuestión de dicir: que non fixemos esta semana? ou: que fixemos diferente coa anterior? A preparación é a mesma. Non entramos ben ao partido eu creo que sobre todo por mérito do Bilbao Athletic. É un equipo que ten os xogadores de dentro moi altos, golpéache moi directo e entón xa tes a pelota na túa área. Nós non temos un equipo que gañe xogo directo. Aí somos un equipo que sofre, sufrimos todo o ano, por iso necesitamos a pelota, porque non somos un equipo cunha capacidade defensiva moi boa que nos permita defender 60 minutos. Non estamos preparados para iso, nin temos xogadores para iso. Entón o Bilbao Athletic, neste caso coa forma de xogar un pouquiño máis directa neses inicios, lévache a pelota a sobre a túa última liña. Como non gañas o duelo, collen a caída. Entón xa se producen centros, teñen xogadores de moitísima calidade por fóra. Lévanche a duelos individuais e desbórdanche porque é normal. Villares é normal que hoxe o pase mal ante un extremo da calidade de Luis. Héctor cando ten por diante a Willy, as axudas son máis afastadas. Sabemos perfectamente que nos custa. Hoxe con Quiles e Noel non estivemos ben nin para atacar nin para defender porque non eran capaces de apertar ben a saída. Todo iso que non puidemos facer en bloque alto que outros días si facemos, levounos a defender situacións máis preto da nosa área, pero non por desaxuste, senón porque non somos capaces de gañar duelos".

Borja Jiménez non viu ben hoxe ao equipo con dúas puntas: "Non creo que fose nin o mellor partido de Quiles, nin o de Noel. Estiveron moi lonxe do seu mellor nivel. É verdade que Quiles ten a facilidade sempre de facer gol, pero aí temos que axustar. Non só válenos con iso e teñen que ser conscientes as puntas, os extremos, todo o mundo. Isto non é unha cuestión dos defensores para defender nin dos atacantes para atacar. Temos que ser críticos. A sensación que tiñamos no inicio da segunda parte é que necesitabamos un xogador por dentro. Por iso metemos a Rafa de Vicente. Collemos un pouco máis o control, permitiunos adiantarnos no marcador e despois do 1-1 permitiunos xerar en 10 minutos 3 situacións que hai que facer gol porque non é normal xerar 3 situacións en 10 minutos para gañar o partido. É algo que hai que mellorar".