RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez: "O Dépor ten moi claro o que queremos facer, que iso xa é moito na creación dun equipo"

Borja Jiménez recalcou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o Deportivo "fixo en canto a comprensión de xogo moi boa pretemporada. Ten moi claro o que queremos facer, que iso xa é moito na creación dun equipo. Estamos contentos nese aspecto".

O técnico deportivista desvelou ante os medios que puido ver en directo dous partidos do Pontevedra CF, rival este domingo 18 de setembro en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas, TVG-2 e InSports.tv). "Para min ten moito valor porque non é o mesmo velos pola tele que en directo. Oxalá teñamos a posibilidade de ver moitos rivais en directo porque axúdache bastante a coñecer todo o que leva dentro un rival", opina.

Do conxunto granate, destaca a súa "proposta de xogo alegre, con dous mediocentros máis Brais de moito talento, con Yelko... que se asocian aí e veñen xogar preto da primeira liña de centrais; con Ángel na dereita que é un lateral de moitísimo percorrido e pode aparecer por fóra ou por dentro; con Oier, que empezou moi ben o ano; con Brais, que se move moi ben entre liñas... Teñen no banco a Borja que vén de ascender, a Mario que foi un dos mellores xogadores da categoría durante moitos anos de forma consecutiva, a Álex que leva toda a vida no Club, Churre, Soto; e logo arriba a Charles coñecémolo todos, Rufo fartouse a meter goles en Madrid, aquí, o ano pasado... É un equipo moi completo. Non ten nada que ver cun recentemente ascendido. Mantén o bloque do ano pasado que para a categoría era un equipazo e así quedou reflectido".

Por conseguinte, advirte que "nos vai a pór as cousas moi difíciles. Estou convencido, partindo da base que son moi bo equipo, que veñen xogar a ABANCA-RIAZOR e todos os equipos contra o Dépor teñen ese extra de motivación. Espéranos un partido moi difícil, moi bonito e que oxalá consigamos gañar, que é o noso único obxectivo".

Explica o adestrador branquiazul respecto das transicións que sufriu en Mérida o pasado domingo que "nesta categoría faise gol en transición, balón parado ou centro lateral. Non hai un xogador que regatee a tres, non hai goles en carril central a través de paredes, non hai golpeos desde fóra da área... Vainos a seguir pasando. Ti pódelo traballar pero a túa forma de atacar lévache a que o equipo rival a única forma que ten de atacarche cando recupera o balón a 80 metros da túa área é unha transición rápida. Nós o ano pasado fixemos moitos goles en centro lateral porque era unha predominancia que tiña o equipo. Este ano seguirá pasando ao noso favor. E en contra seguiremos encaixando goles de centros, farannos perigo en transicións e en balón parado, pero como a todos os equipos da categoría".

Finalmente asegura Borja Jiménez que "non aumenta" a responsabilidade do vestiario polos xa máis de 22.168 socios: "A responsabilidade dácha o escudo. Estamos encantados do número de socios. Parece que cada vez que as cousas se torcen, #ANOSAFORZA sempre dá a cara e cada vez en maior número. Iso para nós é moi bonito. Que teñamos moitos máis socios fai que nos enchan de orgullo".

Tampouco cre que as críticas cara ao equipo sexan "esaxeradas porque non son novo aquí. O nivel de esixencia aquí é máximo e cando estás dentro te dás conta. Cando gañas tes que gañar e facer goles. O día que gañas e fas goles, esixiráseche xogar mellor. O día que fagas todo isto, haberá que facer máis cousas. Sempre nos esiximos ao máximo e entendemos e respectamos o que pense #ANOSAFORZA dos nosos partidos. Non é algo que me pillou por sorpresa porque teño a bagaxe e a experiencia do ano pasado, en canto a estar no Deportivo e nesta categoría esíxeche gañar todos os días, facelo moi ben, meter moitos goles, arroiar ao rival... Pero témonos que dar conta que iso é imposible".