RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez opina que "a puntuación que levamos en dez xornadas vaiche a permitir pelexar polo obxectivo principal que temos"

Borja Jiménez manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que "temos que poñer en valor o que o rival fixo. Complicounos moito ter espazos por dentro porque tiñan unha acumulación moi grande de xogadores. Tivemos que cambiar o rexistro do equipo, con xogadores abertos en cada lado para que nese pase intermedio que xurdía entre os laterais puidese atopar outro máis fóra".

Recoñeceu o técnico deportivista que "cos cambios tivemos máis presenza na área e tivemos a posibilidade de gañar; aínda que na primeira parte xeramos algunha situación de gol clara, a de Doncel, o remate de Quiles..."

En definitiva, apunta que "bo partido en xeral do equipo sen grandes alardes. Estamos contentos. Tres puntos máis e xa vedes que isto é dificilísimo".

Sobre a vitoria pola mínima, Borja Jiménez sostén que "todos os que estamos aquí asinariamos gañar todos os que nos queden en ABANCA-RIAZOR por 1-0. O equipo en casa, incluso o partido que empatou, mereceu gañar por maior diferenza. Estaría preocupado se estivésemos a gañar no minuto 90 sen merecelo e de rebote".

Entende que "o Club é moito máis grande que a categoría na que está. Pero todos os que estamos agora no Club temos o nivel da categoría. Eu equivócome, o outro se equivoca, hai un mal control... Somos xogadores da categoría. O Club está nun sitio que non debía estar nunca e imos traballar para sacalo de aí. É entendible que #ANOSAFORZA diga que 'vén o Zamora', cando fai dez anos viña o Bayer Leverkusen. Enténdolles pero teñen que entender que temos as nosas limitacións. E falo de min o primeiro. Pero temos algo innegociable, que é a paixón coa que facemos as cousas e como defendemos o escudo. Iso levámolo a matar e vai ser así todo o ano, cos nosos acertos e cos nosos erros".

Non lle dá importancia ao feito de durmir como líderes do grupo 1 de Primera RFEF porque "se non fósemos líderes hoxe tampouco lla daría. Dou importancia á puntuación que levamos en dez xornadas, que che vai a permitir pelexar polo obxectivo principal que temos. Se no próximas dez xornadas volvemos facer vinte puntos e nas seguintes outros vinte é o camiño marcado. A iso si que lle dou importancia".

Nestes primeiros dez partidos de liga, recalca o adestrador branquiazul que "tivemos un bo inicio. Tivemos dous ou tres partidos nos que merecemos máis e non gañamos. E nos tres últimos volvemos a gañar dous partidos e empatamos fóra de casa co Real Racing, que será unha das saídas máis complicadas durante todo o ano a priori. No balance xeral dou valor á puntuación pero non á posición na táboa".

Pola súa banda, David Movilla, adestrador do Zamora CF, quixo felicitar en primeiro lugar ao Deportivo "pola vitoria e polo ambiente que xerou. É unha gozada vivir partidos así como o que vivimos hoxe".

En canto ao encontro, explicou que "buscamos unha estrutura e un plan de partido que nos permitise vivir as situacións de repregamento con certa seguridade e en área; e transitar sabendo que co paso dos minutos ían aparecer máis os espazos como así estaba a ser".

Cre que na primeira parte "as ocasións máis claras viñeron en transicións e perdas nosas ou ataques rápidos. En ataque elaborado si levaban o peso do partido pero non nos xeraron grandes ocasións. Nós só creamos a do córner".

Tralo descanso, subliñou David Movilla, "sentiamos que o paso dos minutos íanos a permitir ter máis espazos, transitar mellor e ter o balón. E chegou o gol nun minuto onde podían empezar a aparecer os nervios no equipo contrario, que iamos tratar de aproveitar. O resultado é merecido e só queda felicitar ao Dépor".