RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez: "Quedan tres partidos e o único que temos que facer é gañar os tres, que iso nos aseguraría ser segundos"

Borja Jiménez subliñou este mediodía na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que os futbolistas branquiazuis están "moi mentalizados de que nos quedan tres partidos moi importantes que temos que gañar para ser segundos, porque valoramos moito ser subcampións e o que iso supón".

Cre que na pelexa polo subcampeonato "ten pinta que até o último día ímonos a xogar todo. Fala moi ben de como están a facer eles (en referencia ao Racing de Ferrol) a segunda volta. Está todo moi apertado, hai 3 puntos de diferenza co golaverage individual empatado. Parece que a tendencia vai ser que sexa o último día. Nós temos que gañar mañá e unha vez que logremos a vitoria pensar en Valladolid porque está nas nosas mans. Quedan tres partidos e o único que temos que facer é gañar os tres, que iso nos aseguraría ser segundos. É o que queremos".

Sobre o CD Tudelano, rival mañá sábado 14 de maio en ABANCA-RIAZOR (17:00 horas, TVG-2, Footters e Fuchs-Sports), lembra que "o outro día gañou con moita solvencia ao Racing (de Santander), que levaba 15 xornadas na segunda volta sen perder e algunha da primeira volta. Gañoulle moi fácil. Non perdeu nos últimos 4 partidos. Moitas veces o non xogarche nada che destensiona, faiche ser máis ti e eles agora posiblemente estean no seu mellor momento, ou polo menos de resultados, sen dúbida".

Advirte o adestrador branquiazul que "o que ten que quedar ben claro desde o minuto 1 é o que nos xogamos nós, que eles por desgraza xa non se xogan nada; pero nós si, temos aínda moitas cousas en xogo. Temos que seguir dándolle ritmo e continuidade ao que estabamos a facer, sabendo que vén un rival que como dixen moitas veces, a visita a ABANCA-RIAZOR para todos os equipos deste grupo é o partido especial e van tentar agradar, facer as cousas ben e sen ningún tipo de presión".

Desvelou advertir aos futbolistas que "xa non é momento de que ningún se relaxe. Saír do once supón complicarche xogar os playoff porque quedan tres semanas e a xente quere participar e os que xogan e fano ben pois teñen máis posibilidades de participar. É momento para que a xente non deixe nada polo camiño, estea moi concentrada, a súa achega diaria sexa moi grande e que sigamos o que está a ser a rutina dos últimos partidos aquí en ABANCA-RIAZOR: CF Rayo Majadahonda, DUX, UD Logroñés. Temos que levar os partidos a un ritmo alto, a un ritmo de moitas accións tanto ofensivas como defensivas, de control de xogo e de seguir con esas boas sensacións".

Así mesmo, Borja Jiménez subliña que non se fixa no grupo 2º do que sairá o rival do Dépor na primeira eliminatoria do playoff: "Os últimos postos do playoff están moi igualados. Miro moito ao que facemos nós no noso día a día, cal é o camiño que temos marcado que hai que seguir e dar continuidade ao que nós facemos ben, independentemente de cal poida ser o rival que nos toque. Sigo sen ver nada, porque o principal é que nós cheguemos ben e no momento de que coñezamos o rival, haberá tempo dabondo para analizalo".