RCD / NOVAS

Borja Jiménez: "Temos moi claro que o que estamos a facer é moi difícil"

09/01/2022 14:36

Borja Jiménez manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que "a primeira parte do equipo estivo moi ben, xogamos cun ritmo alto, xeramos situacións outra vez por fóra, sen ser noso mellor día da xente de fóra, de desborde. Quizá hoxe polo menos a primeira parte non tivemos pero o equipo estivo moi sólido. Atopamos o que buscabamos con Mario, que estivo a un nivel moi bo".

Tralo descanso, o técnico deportivista admite que "nos custou un pouquiño máis ter a bóla até o minuto 70 ou así que xa fixemos o último cambio. Cambiamos un pouquiño a estrutura coa entrada de Álex Bergantiños. Pasamos a xogar con catro por dentro en rombo para volver ter a pelota. E os últimos 18, 20 minutos do equipo hai que poñelo en valor porque ganas 1-0 e tes o amorne de que non ocorra nada porque tes ti a pelota. Xeramos outra vez ocasións: unha acción de Mario, o remate de Noel, o penalti... Fixemos moitas cousas ben".

Destaca o non encaixar ningún gol cando "onte vimos que ninguén gañara en casa. Aos de arriba custoulles. Non é fácil reiniciar e o equipo estivo para min a un nivel moi bo".

Precisamente subliña que "coa entrada de Álex fixemos 20 minutos moi bos de balón. Perdiamos as bandas ao xogar con dúas puntas e Mario por detrás, pero gañamos en consistencia, en xogo. Ían ter que ser os laterais os que chegarán. Trilli fíxoo perfecto todas as veces que se incorporou, incluso a do penalti". "Xestionamos moi ben os últimos minutos, non botándoche atrás porque o equipo, todo o contrario, botouse cara a adiante. Estou contento porque volvemos gañar, porque temos 40 puntos e é moi difícil o que estamos a conseguir", engade.

Iso si, advirte que "nos equivocariamos se empezásemos a sorrir mirando ao futuro. Hai que sorrir sempre porque somos uns privilexiados: onde estamos, as condicións que temos, temos saúde. Por iso temos que sorrir no noso día a día, pero non porque o obxectivo vaia a estar máis preto. É certo que hoxe está 3 puntos máis preto que ás 9 da mañá, pero queda moitísimo. Si que me gustaría que o día que non gañemos, que chegará nalgún momento, a xente tamén sorría e poña en balance todo o que está a facer o equipo. Non vas gañar sempre. Os que estamos dentro témolo moi claro e temos moi claro que o que estamos a facer é moi difícil".

Lembra que o obxectivo é "maio e conseguir o ascenso. Agora a gozar do que queda de día coas familias e a preparar o que nos vén, a semana do 22".

Pola súa banda, Víctor Cea, técnico do CF Talavera, afirmou que "polo nivel de ocasións que se xeraron durante o partido, podía acabar en empate. A primeira media hora o Dépor é superior ao CF Talavera. Saen máis conectados ao partido, cústanos axustarnos..."

O adestrador madrileño sostén que após eses primeiros 30 minutos, o CF Talavera se ha ir impondo, cada vez estivo mellor no campo até o punto de merecer levar algo máis".

Máis novas de: BORJA JIMÉNEZ