RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Valle: "Hai que ter calma, estar tranquilos, tentar mellorar os erros que cometemos"

Borja Valle insistiu esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "non é o mellor momento deste Deportivo. Ao longo dunha temporada, falámolo sempre e a condición de que este Dépor estaba moi ben, temos que ser conscientes de que ía haber momentos moi bos e momentos malos. Isto é propio dunha temporada".

"Todos eramos conscientes de que este momento ía pasar por moito que sexamos o Deportivo de La Coruña e queiramos ascender. Todos os equipos van pasar por esta situación", conclúe.

O dianteiro berciano lembra que "estamos aí. Somos conscientes de que nestes 3 últimos partidos non estamos tan lúcidos ou as cousas non saen tan ben como ao principio de temporada. Eu considéroo algo normal e habitual do que é o fútbol".

Subliña que "acaba de finalizar a primeira volta. Queda toda a segunda. Isto é moi, moi longo. Vin equipos que fai 4 xornadas estaban a 4 puntos e agora están a 1 punto do primeiro. Hai que ter calma, estar tranquilos, seguir traballando, facendo as cousas ben, tentar mellorar os erros que cometemos e non volverse tolos. Isto é moi longo. Vai haber momentos de baixón nos que os dianteiros non fagamos gol, que calquera xogada nos fagan gol".

Nesta liña, Borja valora como moi importante "ser conscientes dos erros que cometemos para tentar solucionalos".

Achaca a "algo propio do fútbol" os últimos resultados do equipo. Non cre que as causas sexan "estar peor fisicamente ou porque agora non estamos lúcidos con balón. Cada partido que pasa faise máis complicado porque os rivais che coñecen moito máis, estudan moito máis. Notei moito cambio nos rivais, no repregamento. Agora xa non teñen tanta présa en irche a presionar arriba. Ao final faise máis difícil. A iso únelo en que tes ocasións e non as metes, ao final é o que está a pasar: levas 3 partidos sen marcar, á mínima que che crean fanche gol".

Por conseguinte, non ve "un baixón colectivo dos xogadores senón algo propio dunha temporada", conclúe o ariete deportivista.

Opina que sería unha "temporada desastrosa, unha crise real estar a 8, 9, 10 puntos do primeiro. Ver que non tes situacións de chegar a un playoff. Aínda queda un mundo. Estamos aí. Tentar facer as cousas ben, tentar saír deste mal momento que é propio do que é o fútbol".

A nivel persoal, di estar "contento pero ao final, se es dianteiro, cando as cousas non acaban de saír tes esa espiña. Igual hai momentos que acabas frustrado aínda que teñas minutos. Isto é propio deste deporte. Vivímolo todos, todos os anos. Hai momentos bos e momentos malos. Momentos que tocas o balón 2 veces e metes 2 goles; e momentos nos que tocas 3 e non metes ningún. Iso é fútbol e propio desta profesión".

Do Albacete Balompié, rival este domingo 20 de xaneiro (18:00 horas, Movistar Partidazo) en ABANCA-RIAZOR, di Borja que "está a facer unha temporada moi, moi boa. Está a sorprender a todos. Ten xente de moita capacidade para estar aí arriba. Coñezo a varios xogadores e sei que son xogadores importantes nesta categoría. Están a facelo moi ben".

A pesar da entidade do equipo albaceteño, pide "pensar en nós mesmos. Darnos conta de que estamos a facer mal ou que cousa non está a saír para tentar solucionalo. Non nos pode pasar outra cousa mellor que que veña un equipo como o Albacete que está a facer as cousas ben, que che vai a presionar arriba, que che vai a tentar non deixar na túa propia casa, para tentar gañar o partido, sacar os 3 puntos e tentar espantar esas pantasmas que hai agora mesmo".

Preguntado polo mercado de inverno, Borja lembra que "a persoa responsable de todo isto é Carmelo del Pozo. El ten que tomar as decisións que considere. É decisión dos de arriba. Eu dedícome a adestrar, a facer o meu traballo. Se vén alguén, pois benvido sexa".