RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Valle: "O primeiro paso, deixar a portería a cero, démolo. Agora hai que dar o segundo, tentar meter goles"

Borja Valle lamentouse esta mañá na sala de prensa de Abegondo que, a pesar de puntuar onte en Lugo, "as sensacións non son boas porque na situación na que estamos o único que vale é gañar. É certo que pasa por ter a portería a cero, pasa por facer as cousas mellor pero ao final isto resúmese en 3 puntos e se non o consegues, chegas ao vestiario hoxe fodido e pensando que isto se complica máis".

O atacante berciano asegura que "tentarei axudar a este Club, axudar ao meu compañeiro para que as cousas sigan adiante e melloren".

Admite que "caemos no desánimo. Houbo momentos este ano que chego a casa derrubado e pensando que non saen as cousas, e que ¿por que?, que xa non podo facer nada, que non podo sumar, que non podo axudar. Pero son se cadra 15 ou 20 minutos nos que me apoio nas persoas que creo teño da miña confianza e que son as que me axudan".

Iso si, lembra que a pesar do desánimo, "ao final é a nosa vida, é o noso traballo. Somos profesionais e á mañá seguinte témonos que levantar. Igual que nos levantabamos o ano pasado cando gañabamos felices, levantarémonos fodidos ao día seguinte e tentaremos resolver esta situación. Considero que caemos en momentos moi complicados e moi fodidos. A figura do futbolista está moi protexida e moi sinalada e pénsase moita xente que non sentimos, que non padecemos, que non nos desbasten as cousas e que o único que pensamos é en saír de festa cando as cousas van ben, e cando as cousas van mal tomarnos unha copa para esquecer. As cousas non son así. Nós tamén quedamos en casa e fódenos, sufrimos moito. E comentamos cos nosos seres queridos que podemos facer. As persoas que nos queren axúdannos e apóiannos. É moi complicado vivir esta situación".

Recoñece así mesmo que esta situación "é moi complicada para os afeccionados, para vós (os medios de comunicación), para a xente que ve o mundo do fútbol e ve ao Deportivo na última posición. Sei que é moi difícil entender esta situación. Para nós tamén. Non dubidedes nin un segundo que nós nos levantamos moi fodidos, tentamos facer cada día o noso mellor traballo. Estando mellor ou peor da cabeza, máis ou menos positivos. Somos profesionais e os que primeiro queremos reverter esta situación aínda caendo no máis profundo somos nós. Temos que levantarnos e seguir polo ben do Club, polo ben noso e por profesionalidade, porque Carmelo (del Pozo) e a persoa responsable confiou en nós para que isto saíse ben. Simplemente por iso debemos levantar a cabeza e seguir".

Aprecia Borja Valle que "cada día adestramos ao 100 %, vexo xente con moita calidade, vexo xente que pode estar a xogar noutra categoría. Pero non saen as cousas. Non depende de que o dianteiro marque goles, nin do mediocentro que dea unha asistencia. Depende de todos. Na situación na que estamos estar todos ao 100 % é complicado. Tes que tentar estalo porque se non non vas conseguir nunca esa vitoria. Confío un pouco máis porque deixamos a porta a cero, porque nos metían gol sen querer e agora non. O primeiro paso démolo. Agora hai que dar o segundo, tentar metelo nós, tentar estar limpos de cabeza, adestrar ben, non pensar na clasificación, tentar pensar nas cousas que están a saír. Tentalo porque somos profesionais e trouxéronnos aquí para isto, para gozar cando ABANCA-RIAZOR está cheo e para estar fodidos cando o campo non está tan cheo, cando apláudenche ou cando asubian. Temos que seguir cara adiante".