RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja ve importante "centrarse en obxectivos curtos. Esquecerse dos obxectivos longos porque nos van a levar ao erro"

Borja Valle explicou así esta mañá na sala de prensa de Abegondo a serie de resultados do Dépor sen lograr a vitoria: "Isto é fútbol. Todos somos conscientes que ao longo do ano vai ver momentos bos e momentos malos. Pasa en todos os equipos. Agora mesmo o Deportivo está a pasar ese momento malo, que non atopou as súas mellores sensacións, ou as que viña demostrando anteriormente".

Entre as causas, nomea "estados de ánimo, estados de forma, sorte, melloría dos rivais tamén. É un cúmulo de todo. O que temos que facer é analizar os erros que cometemos e tentar liquidalos. É o que pasou durante todo o ano. Pero o problema é que durante todo o ano estiveches moi ben, e agora non estiveches tan ben".

O dianteiro deportivista admite que "nós somos os culpables e os que temos que darlle a volta a esta situación. Pero con tranquilidade. Levamos todo o ano en postos de play off. Xunto co Málaga CF, somos os dous equipos que máis tempo estivemos aí. É unha temporada moi boa, perdemos moi poucos partidos. Tampouco creo que temos que darlle demasiada importancia ao negativo. Tamén sacar as cousas positivas que fixemos".

Na súa opinión, "o máis importante é centrarse en obxectivos curtos. Esquecerse dos obxectivos longos porque nos van a levar ao erro. Pensar no partido que temos a próxima semana (o venres 22 en ABANCA-RIAZOR ante a UD Almería, 21:00 horas, GOL e LaLiga 1|2|3 TV), analizalo e centrarnos niso".

Borja lembra que "o último tramo da liga do ano pasado, un equipo que ía a 10 puntos, que parecía que estaba ascendido, ao final sufriu moito. Isto é complicado. E nestas últimas xornadas vai haber moito cambio, moita volta. Os de abaixo van apertar. Os de arriba vanse a deixar puntos. Ao final é resistir, aguantar. O que máis resista, o máis constante, vai conseguir o obxectivo".

Sempre, centrándose, segundo o ariete berciano, "en nós. Pensar no partido do UD Almería en ABANCA-RIAZOR. Tentar facelo ben, tentar sacar os 3 puntos. Gañar e volver coller boas sensacións. A partir de aí, crecer. Pensar en se nos sacan 8, 9, 15 puntos non nos vai a levar a nada. Vainos a meter unha presión que non temos que ter e que non nos vai a beneficiar en nada".

Pide "esquecernos da mala serie que estamos a vivir. Pasar canto antes este mal momento" e si pensar "en que se pode conseguir, en que as cousas volven ir ben, en que somos capaces, en que temos a constancia, en que estamos en crecemento. Así si imos conseguir as cousas".

A nivel persoal, Borja asegura que "nunca vou valorar se estou máis feliz ou menos feliz por saír da titularidade durante 2 partidos. É algo bo que haxa variedade no cadro, que teñamos un cadro tan amplo que poidan entrar 2 ou 3 xogadores por partido e seguir mantendo o nivel ou facelo ben. Durante o ano é moi importante que todos sumemos. E agora que se está acabando a temporada, que entras no último tramo final, canto máis sumemos mellor. Se a min me toca facelo desde fóra, fágoo desde fóra. Se me toca desde dentro, desde dentro. Se me toca facelo na banda fágoo na banda. Se me toca facelo de punta, fágoo en punta".

Subliña que "todos debemos de sumar. Dá igual na situación que esteamos. Eu este ano estou moi agradecido. Sinto importante a pesar de non xogar de titular estes dous últimos partidos. Síntome apoiado. Non lle dou un valor negativo a non xogar a pasada fin de semana nin o anterior. Debo adestrar ben, seguir facendo as cousas ben e sumar".