RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Bóveda asegura que o Dépor "nin é unha alma en pena nin está morto"

Eneko Bóveda compareceu na sala de prensa de Abegondo ante os medios de comunicación. "Estamos nun momento no que cada vez hai menos equipos pelexando nesa zona de abaixo e máis nos vale sacar puntos canto antes", apunta.

O defensor deportivista, a nivel particular, confesou estar "moi animado porque síntome partícipe, responsable e entre mans teño algo difícil de conseguir. Téñoo que dar todo e sacalo adiante".

Iso si, recoñeceu que "as semanas se fan duras porque todo o que rodea ao equipo empúxache un pouco cara abaixo, sobre todo os resultados, a táboa clasificatoria".

Aos afeccionados, Bóveda diríalles que "aínda que custe, se un quere axudar ao equipo, se un confía en que somos uns profesionais que queremos sacar isto igual que todos, a mellor maneira de facelo é tentar arroupar, ter esas palabras medianamente agradables e empuxar. Ao fin e ao cabo, aínda queda tempo e o que pase a final de temporada se é malo vainos a afectar a todos, e se é bo tamén o celebraremos todos. Que a xente sinta que está no noso mesmo barco porque a xente que estamos dentro tamén sufrimos e vivimos isto".

Nesta liña, asegura que coñece "este vestiario. Sei o que a xente está a sufrir. Sei tamén que se sacamos ao Deportivo adiante, imos festexalo todos e todos por igual imos sentir ese alivio e esa alegría. Cada un desde a súa casa pode poñer o seu gran de area. Loxicamente nós máis que un graniño temos que poñer cen mil porque somos os que saímos ao campo. Pero toda axuda é boa e non hai máis que ver a sintonía que tivo o Alavés coa súa afección nos momentos máis duros, e como iso lles serviu tamén para manter a cabeza arriba e seguir loitando".

Preguntado por Clarence Seedorf, o futbolista vasco sostén que "o míster, igual que eu, leva poucas semanas aquí. As súas forzas mantéñense intactas. El vén cunha ilusión, cun reto moi difícil pero novo, con esa enerxía que trae desde fóra. Eu nese sentido síntome moi identificado con esa enerxía, con esas ganas de sacar unha cousa na que che acabas de embarcar. A tope con el".

Cre que o Deportivo "é un equipo normal que ten reaccións que teñen os equipos mergullados abaixo, cunha serie de malos resultados, cunha serie de cousas que non acaban de saír. Ten reaccións humanas normais. O que hai que facer é traballar máis para impoñerse a ese afundimento, a ese bajonazo que che pode entrar cando as cousas as ves difíciles. Niso estamos. O adestrador é moi esixente connosco nese sentido, no sentido psicolóxico, no manter a cabeza arriba. Evidentemente non estamos orgullosos desa reacción que tivemos ao gol do Alavés".

Advirte que o equipo branquiazul, malia a súa mala serie de resultados, "nin vaga, nin é unha alma en pena, nin está morto, nin a piques de morrer. Está abaixo, non saen os resultados. Pódese facer análise só dos últimos 30 minutos, pódese facer unha análise dos primeiros 45, ou se pode facer unha análise máis xeral onde hai luces e sombras. O feito de que na primeira parte véxanse cousas que o adestrador traballa en tan pouco tempo é positivo. O feito de que non tivese reacción ao gol deles, é negativo. Trátase de traballar e darlle a volta a esta segunda situación".