RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Bóveda: "Chegamos á conclusión tanto eu como a miña familia que o Dépor é unha boa opción"

Eneko Bóveda pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo. O defensor vasco coñece perfectamente a Segunda División. Non en balde proclamouse campión na temporada 2013-14 coa SD Eibar, vestiario no que coincidiu con Raúl Albentosa. Nesa mesma campaña o Dépor, dirixido entón por Fernando Vázquez, foi subcampión e foi o outro equipo en ascender directamente.

En Abegondo, ambos os futbolistas coinciden con Álex Bergantiños, o terceiro membro do vestiario deportivista campión de LaLiga 1|2|3.

Bóveda ve ao Deportivo esta temporada como "un equipo que acaba de descender. Sabemos que por como está montado isto, o primeiro ano no que descendes tes certa vantaxe e certo músculo económico á hora de confeccionar o cadro. Poida que iso sexa unha vantaxe. A partir de aí, calquera que seguise a Segunda División os últimos anos creo que, salvo excepcións, é unha categoría moi, moi igualada. Equivocariámonos se algún pensa que en xaneiro podemos estar ascendidos".

Desvela que "segundo acabou a temporada pasada veu Carmelo (del Pozo). Tiven máis dunha conversación con el. Os dous falamos máis ou menos o mesmo idioma nisto do fútbol. Foi fácil ter claro que a opción que eu quería, que eles querían, era seguir aquí; ser unha peza o máis importante posible neste novo Dépor".

Explica o porqué desta decisión de seguir vestindo a camiseta deportivista na primeira das dúas temporadas que ten estipulado no seu contrato: "Un cando toma unha decisión ten que poñer en valor moitas cousas. A primeira foi o convencemento que o Club, na persoa de Carmelo, puxeron para que isto sexa así, a confianza que me demostraron. Algo moi importante porque viña dunha temporada moi mala para min, seguramente a peor que tiven tanto a nivel de minutos xogados, lesión, resultados, rendemento. É un momento que lle dou especial importancia a iso".

Ademais, engade como causa para seguir no Estadio ABANCA-RIAZOR "crer nisto. É un momento que estamos a dar un paso atrás pero tamén o podemos dar a curto prazo cara a adiante. E porque a miña experiencia á marxe do deportivo aquí na Coruña foi moi boa. É a miña primeira experiencia fóra de casa e atopeime moi moi a gusto, moi ben acollido. É outra das razóns polas que teño todas as ganas do mundo de estar aquí".

Non desmente que lle chegou interese doutros clubs durante este verán: "Ao final cando acaba unha temporada e empeza un período de fichaxes o lóxico é que mires a situación que tes, entres nese mercado, ves as condicións que poida ou non ter, as ambicións que poida ou non ter. Valorei a situación que a día de hoxe teño e chegamos á conclusión tanto eu como a miña familia que isto era unha boa opción para nós".

Evitou dar detalles sobre o seu contrato: "Os contratos son temas privados que están entre o Club e eu. Se esa información a quere dar o Club algún día non teño ningún problema. Non vou sacar os detalles que poida ter o meu contrato". "Se o di Carmelo ou o Presidente pois perfecto. Pero de min non vai saír. Entendo que é un tema privado. Igual que non se fala de soldos, tampouco me gusta falar doutras cláusulas que poida ter o contrato", apostila.

Indicou o defensor do Dépor que trala súa chegada á Coruña no último mercado de inverno, "a temporada pasada foi dura. O que vivimos cada semana foi sufrimento, sufrir, sufrir, sufrir. Pero unha vez que estamos aquí, todos os que aposten por seguir no Deportivo fano co maior dos optimismos e con ganas de que sexa unha temporada diferente, de gozar e de conseguir os nosos obxectivos".

Preguntado sobre o seu papel no Dépor esta campaña, ben como central ou como lateral, indica que na pretemporada, "o adestrador primeiramente observa. El pode ter unha idea. Eu xoguei contra equipos que dirixiu el (Natxo González), coñéceme dabondo. Estes primeiros partidos, estes primeiros adestramentos son para ir vendo de preto o que un xogador poida dar. A partir de aí falaremos. El sabe perfectamente que pode contar comigo para as dúas posicións. O normal é que co paso dos días falaremos un pouco do que queira de min".

Iso si, advirte que "me atopo moi a gusto nas dúas posicións. Cada adestrador ademais a cada unha desas posicións pídenlles certas características. En base a isto, e coas características do xogador, póñelo nunha posición ou outra. Non saberíache dicir unha posición ou outra".

Desvela que a liña que quere Carmelo no seu novo Deportivo "é a que eu entendo que é mellor para un Club profesional que aspira a estar na elite. Hai pequenos detalles que xa se implantaron. Outros que seguramente á hora de fichar ou sacar xogadores... son moitas decisións que o Club ten que tomar. A idea é unha liña diferente ao que até agora fíxose. Pero é diferente e eu creo nesa liña".