RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Bóveda: "Estou convencido de que isto ten volta e hai oportunidades dabondo"

Eneko Bóveda foi o protagonista na sala de prensa de Abegondo esta tarde. O defensor deportivista lembrou do partido onte no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o Betis que "a gran maioría de ocasións foron nosas. Iso quere dicir que fixemos moitas cousas ben e evidentemente perdemos o partido, por tanto tamén hai cousas que fixemos mal".

Resume que o Betis "recoñecendo que é un bo equipo e que se viron as súas características tamén, fixéronnos dúas xogadas de perigo e levaron o partido".

Case 24 horas despois da derrota, Bóveda admite que "cada día que pasa cúranse as feridas e sábese que disto non imos saír dun día para outro. A maneira na que sairemos disto é a base de traballo diario. Para iso preparámonos. Un non pode ter a vista posta nin moi atrás nin moi adiante. O ideal é que hoxe se adestre ben, que mañá aínda mellor, e preparar con todas as garantías o partido do sábado", en Mendizorroza ante o Alavés (18:30 horas, Bein LaLiga).

Preguntado pola reacción do público ao final do partido de onte, subliñou que "persoalmente non lle dou demasiadas voltas. Prefiro ter á miña xente contenta, pero ninguén dos que acode ao campo participa ademais dos 22 que estamos no terreo de xogo. O que nos debe preocupar son eses 22 máis os 3 cambios; o que pasa aí e o que está nas nosas mans facer para sacar isto adiante".

Precisamente do encontro en Vitoria, o defensa vasco subliña que "agora se ve totalmente negro. Con todo escoitas aos de Las Palmas e falan con outro optimismo. Iso quere dicir que as tendencias ou o último marca o estado de ánimo ao redor do equipo. Eu persoalmente estou convencido de que a nivel puntos, a nivel situación clasificatoria isto ten volta e hai tempo e oportunidades dabondo. O que quero ver é o que se viu onte, que o equipo poida ter unha liña de xogo na que compita, na que teña as súas opcións de gañar nos partidos. Onte sae cruz, pero a longo prazo estou seguro que eses partidos saen cara".

Sobre Clarence Seedorf, conta Eneko Bóveda que "nos días que leva aquí traballou connosco intensísimamente nun Dépor que el quere construír a partir de certas ideas que el considera que poden vir ben ao noso equipo. E estamos nesa fase de construción. Temos tempo limitado, pero cando ves a xente capaz de meter tanto tempo, tanto entusiasmo, o equipo vai asimilar rapidamente as tres ou catro liñas básicas que hai que ter á hora de saír ao campo".