RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Bóveda lembra que "estamos a construír un equipo practicamente novo, cun sistema diferente"

Eneko Bóveda e o canteirán Blas atenderon aos medios de comunicación na zona mixta do Estadio da Devesa en Bembibre.

O defensor vasco manifestou que "falta por puír practicamente todo. Para min o importante é que se tente facer o que o adestrador quere que fagamos porque é a vía onde un cadro demostra profesionalidade, que está co adestrador, que está coa súa idea. Eu voume medianamente satisfeito".

Insiste Eneko Bóveda que o resultado nestes partidos de pretemporada "é secundario. O equipo vai respondendo ao que o adestrador quere. Creo que estará medianamente contento e iso é o que vale. Estamos a construír un equipo practicamente novo, cun sistema que é tamén diferente. Nós imos a matar con iso e iso é o principal. A partir de aí, cada partido mellorar algunha cosilla e chegar ao principio ben".

Após xogar 90 minutos, o central branquiazul lembra que vén "dunha temporada difícil. Acabei lesionado. Ao final teño unha falta de minutos e de partidos desde hai tempo. Ímolo medindo e todos os minutos que teña non están de máis porque é moito tempo sen sensacións de partidos e de campo".

Pola súa banda, o coruñés Blas volveu gozar de minutos no primeiro equipo. Entrou na segunda metade en substitución de David Simón no lateral dereito. 

Ten claro o defensa deportivista que a pesar desta nova oportunidade, "son xogador do Fabril. Dixéronme que se mo gañaba podería ter algunha oportunidade. E isto é como todo. Se ti traballas e o gañas as oportunidades chegan".

Subliña que "eu estou aquí para achegar, para pór o meu gran de area. Se o míster considera necesario tirar de min nalgún momento da temporada, é un soño para min e eu vou axudar o mellor posible".

Dun dos seus 'rivais' na súa posición, David Simón, Blas indica que "desde que chegou temos moi bo trato. É un dos que mellor me levo no vestiario".