RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Bóveda: "O mellor é empezar de cero, con humildade. O Dépor do ano pasado non é o Dépor deste ano, é outro"

Eneko Bóveda atendeu aos medios de comunicación este mediodía na sala de prensa de Abegondo.

Advirte o lateral deportivista, un dos futbolistas máis experimentados do vestiario branquiazul, que esta temporada "o mellor é empezar de cero, con humildade. O Dépor do ano pasado non é o Dépor deste ano, é outro. E este Dépor é o que ten que subir. E tentarémolo".

Lembra neste sentido do defensor vasco que o equipo "conta cunhas vimbias diferentes. E vai ser diferente".

Iso si, "non teño ningunha dúbida de que imos ter un bo equipo; cos que están agora, cos que virán, co que sexa. Os que veñen teñen o nivel para estar aquí".

Precisamente dos reforzos, comenta Eneko que "a maioría xogaron en liga española, Primeira ou Segunda División; e telos máis ou menos controlados. Son bos xogadores pero coñecidos".

En opinión do defensor do Dépor sobre os favoritos desta temporada, subliña que "as predicións normalmente non as acerta ninguén". Iso si, está convencido que "ninguén vai falar do Dépor como un equipo máis ou como un equipo pequeno porque hai un escudo que pesa, un estadio que pesa e todo iso fai que a xente mire ao Dépor como un equipo potente da categoría. Pero con iso non gañamos nin un punto. Logo será o campo. A responsabilidade, o favoritismo témolo que saber levar. Trátase de dar o mellor que nós teñamos, con máxima humildade sobre todo. Os que estivemos o ano pasado xa sabemos que as cousas non son fáciles. Se todo iso serve para dar un paso máis, para ser un pouco máis humildes e dar aínda algo máis, benvido sexa".

A pesar de ter apenas 3 semanas de descanso entre o final da temporada pasada e o inicio da pretemporada, apunta que "foron suficientes. Estamos fisicamente ben. Estamos a adestrar bastante porque ese é un hándicap: levas unha semana de desvantaxe con respecto a outros equipos. E probablemente tes que concentrar máis as horas de adestramento".

O único inconveniente das vacacións curtas é que "a xente que acabou tocada, veu aínda con pequenas molestias que seguramente nunha ou dúas semanas quedarán atrás".

Sobre Juan Antonio Anquela, substituto de José Luis Martí no banco, opina que "en fútbol cada adestrador parécese pouco ao anterior. Ten outro discurso, outro método de adestramento. A miña idea é que o máis importante é crer no que se fai. E se o equipo cre no que manda o patrón, e dubídase pouco, aí imos ser un bo equipo. Ese ten que ser o camiño. Nós non estamos para avaliar, para pór nota aos adestradores... Nós crer no discurso. O Club apostou por unha liña, nesa liña entramos os xogadores, que somos os traballadores que temos que ir a matar co Club. E iso vainos a facer un equipo grande".

Asegura Eneko Bóveda que o técnico deportivista "esixe en todo: en ataque, en presión, en repregamento... O adestrador quere ter o equipo o máis completo posible, que manexe a maior cantidade de recursos posibles. Estamos a empezar. Agora virán os partidos, virán os erros, virán as cousas que se irán vendo que facemos mellor ou peor. En base a iso vaise a tentar avanzar, desenvolver unha identidade propia, unha idea xogo que para min é o máis bonito dun equipo de fútbol".