RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Bóveda: "Os xogadores estamos convencidísimos de en que barco estamos, cara a onde navegamos"

Eneko Bóveda, un dos capitáns, tomou a palabra esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

O lateral deportivista asegurou que no vestiario branquiazul "temos claro quen é o xefe", en alusión ao técnico Natxo González. "Do mesmo xeito que o día 1, o día 300, ou 200 ou os que sexan estamos igual. Cando un está dentro, o que serve é a autocrítica, canto máis persoal mellor, e xa está", engade. "Cada un de nós ten que analizarse a si mesmo. Eu creo moito en que cando moitos xogadores están nun momento óptimo, de convicción, de confianza, iso ao final suma moitísimo. Ás veces pensamos no equipo, o equipo... O que máis fácil temos para facer é eu, onde podo mellorar", subliña.

O defensor vasco reitera que "os xogadores estamos convencidísimos de en que barco estamos, cara a onde navegamos e sabemos que temos máis para dar".

Do partido de onte en ABANCA-RIAZOR ante a UD Las Palmas, Eneko Bóveda opina que "sen ser un bo partido noso, foi un partido disputado que podía caer dos dous lados. Viuse o nivel que Las Palmas ten, que é parecido ao noso, que até agora as cousas non lles saíron ben pero que antes de empezar o ano, se vemos o cadro que teñen en comparación co noso, vemos dous cadros moi potentes, moi parellos. E o partido saíu así".

Aínda que non está conforme co partido do Dépor onte, "tampouco vin ao equipo nin bloqueado nin que lle pasase por encima ningunha apisoadora".

Admite que no vestiario reina a "lóxica preocupación de que temos uns obxectivos e para conseguir ese obxectivo hai que gañar moitísimos partidos. Cada partido que non gañamos, afástanos dese obxectivo. Preocúpanos e ocúpanos analizalo, analizarnos e darlle se cabe unha volta de porca a todo".

Pon en dúbida que "as primeiras horas sexan as mellores para sacar conclusións claras. Está o calentón, está a rabia de que un rival celebra unha vitoria en ABANCA-RIAZOR. Seguramente segundo pasen as horas, todas as análises terán un pouco máis de valor".

Sobre a situación do Dépor na temporada, lembra Eneko que "todos os partidos, o primeiro e o último, puntúan igual. Para chegar ao obxectivo dá igual se os puntos conséguelos na primeira parte da temporada, na metade ou ao final. Non creo que un equipo poida elixir cando gaña máis partidos ou menos partidos. Tampouco estamos moi lonxe de onde queremos estar. Non quero ser conformista, pero si medianamente cauto. Sigo crendo que os postos cabeceros están ao noso alcance".

Comprende que a afección fose optimista polos 3 partidos seguidos en ABANCA-RIAZOR, máis un ante o CF Reus que xa está gañado, "vendo que estatisticamente o noso equipo estaba a gañar case todos os partidos en casa. Era lóxico que a xente fose optimista e pensásese que era un mes onde podiamos mellorar a nosa situación. Pódeselle dar a volta e pensar porqué non vai ser que gañemos todos os que quedan fóra de ABANCA-RIAZOR ou calquera partido".