RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Bóveda: "Teño absoluta fe en que o cadro é bo"

Eneko Bóveda destacou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "segundo pasan os días desde o último accidente, cada vez doe un pouco menos, tes menos presente o que pasou e máis presente o que queres que pase. Nesa liña estamos. A estas alturas da semana convén moito máis estar a pensar no que poida vir que lamentándose polo que non ten volta atrás; aínda que evidentemente ninguén pode deixar de lado as circunstancias nas que estamos e tampouco convén esquecer cousas que non se fixeron ben e que están nas nosas mans mellorar ou tentar mellorar".

O lateral deportivista lembra que no mellor dos casos do que ocorra este sábado 26 de outubro en El Sardinero ante o Real Racing Club (18:00 horas, Movistar LaLiga 1), "que é gañando, seguiriamos estando nunha mala situación e no peor, que é perdendo, o domingo volverá saír o sol e nós non imos quedarnos de brazos cruzados e seguiremos crendo ou seguiriamos crendo que loxicamente todas as nosas posibilidades seguen abertas".

Opina Bóveda, que ademais xa é Técnico Deportivo en Fútbol (Nivel II) pola Escola de Adestradores do RC Deportivo, que o que lle pasa ao equipo "é unha suma de moitos factores. Se parto da base na que creo que o cadro ten moi bo nivel para a categoría, ten que ser a suma de varios factores a que nos fixo chegar a esta situación. Seguro que habería erros técnicos, tácticos, mentalidades máis fráxiles, máis medorentas, incluso algunha vez até che pode prexudicar até a sorte".

Propón como fórmula para saír desta situación, "pero non agora, a que me agarrei toda a vida, sobre todo nos momentos malos que un ten esa ansiedade de que chegue un partido e gañe, avogar máis polo día a día. Sei que dicindo isto, ao que queira ouvir grandes cousas non lle digo nada. Pero é no que creo. Vir aquí, adestrar ben, que a xente se vexa rápida, véxase forte, véxase centrando ben, despexando ben. Chegará o partido, sairá ben ou mal. É a única forma na que un non deixa que isto lle supere e que se vai á cama facendo todo o posible para estar o mellor posible. Que ao final é do que se trata".

Preguntado polo papel dos máis veteranos nun bloque con moita xente nova como é o Dépor, explica que "hai 2 sitios nos que pode un xogador axudar ao equipo. No campo e fóra. No campo, a confianza é contaxiosa. Calquera xogador que salga ao campo e que transmita seguridade en si mesmo, control da situación e demais, vai ser de gran axuda para os de á beira. Que algúns poñan a semente á que se agarre máis xente. E despois fóra do campo pódesenos esixir aos que máis tempo levamos nisto, porque se dá por suposto que temos que manexar máis recursos para estas situacións, manter unha liña de conduta que non reste, manter na medida do posible os ánimos altos, un equilibrio entre a esixencia e as boas palabras. Todo iso, tentar sumar, axudar ao grupo que veña ao día a día co mellor estado de ánimo posible".

En canto aos obxectivos, segundo Bóveda, "poñas os que poñas, ao final nunca vas renunciar a gañar o partido que vén. Podes poñer o obxectivo de 50, 60, 70 puntos pero ao final non sei até que punto pode axudar unha cousa ou outra á hora de expoñerche o seguinte partido. Temos un partido moi importante, crítico. Todo o que sexa saírnos do guión do día a día, partido a partido, non lle vexo moito sentido e máis nunha situación onde a priori os obxectivos dos que se falaba a principio de ano agora soan un pouco raros".

Entende perfectamente as críticas e as dúbidas da afección cara á calidade do cadro: "Paréceme moi normal porque por unha banda hai un compoñente sentimental moi grande do último que ves, da frustración que tes de ver uns xogadores que non se impoñen aos demais equipos. Porque a esa teoría aválaa a clasificación. Desde a outra parte defendo un pouco o feito de que a un xogador, por moi ben ou mal que o faga, o carné de xogador non se lle dá ou se lle quita en 5 ou 10 partidos. A xente que está aquí ten unha traxectoria de fai nada, do verán, onde eran xogadores, moitos ou todos os que viñeron, moi cotizados. E por algo son cotizados. Pódese equivocar un director deportivo, pero que se equivoquen moitísimos directores deportivos á hora de poñerlles un prezo aos xogadores, é difícil. Que logo iso non garante nin bos rendementos nin resultados, está claro. Teño absoluta fe en que o cadro é bo".

Confesa que "temos recursos nas nosas mans" para traballar contra o síndrome de bloqueo, de 'pernas conxeladas': "Temos a un psicólogo que está a traballar connosco, a un adestrador que está moi pendente sendo moi consciente diso. Todos eses téñennos que axudar. Pero despois está un factor individual. O feito de darte conta de que é o que che pasa para saír ao campo e que se produzan esas sensacións. Ser autocrítico no sentido de 'igual así non vou demasiado ben' e logo traballalo. Recursos temos pero a dificultade está aí. Entre todos trataremos de transmitir a máxima calma, confianza e espero que o grupo tome impulso".

Finalmente, do Real Racing Club, indicou que "coñezo a moitos xogadores porque tiveron algún contacto co fútbol vasco, no grupo de Segunda B de alí. É un equipo que se me fai próximo. Como características de xogo, o que viñan facendo o ano pasado: propoñer moito con balón, moita participación do porteiro, tentan dominar os partidos a través da posesión. O míster sabe máis que eu e é o que nos vai a preparar, poñer vídeos, propoñernos a forma na que podemos facerlles dano".