RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Bóveda: "Vexo moitas opcións de que sexa unha temporada moi positiva para todos"

Eneko Bóveda, un dos capitáns deportivistas, compareceu ante os medios informativos após regresar ao once inicial o pasado domingo no Cerro do Espino de Majadahonda. "Para iso estamos, para se as lesións nos respéctan estar a disposición do adestrador. E logo el decide e neste caso decidiu por min", apunta.

O defensor deportivista recoñece que o choque ante o Rayo Majadahonda da pasada xornada "tiña as súas particularidades polo sitio, polo terreo de xogo, porque tamén fóra de ABANCA-RIAZOR sempre hai un plus de dificultade. Creo que o equipo respondeu bastante ben".

A nivel persoal, viuse como "unha peza máis da engrenaxe e o equipo respondeu con bastante solvencia. Aí estamos".

Preguntado polos seus partidos fóra do once, Eneko Bóveda comentou que "ao final todos pelexamos por un obxectivo colectivo que ese non cambia sexa cal for a túa situación. E logo hai uns obxectivos individuais: tratar de gañarse o posto, xogar o máximo de minutos posibles, gozar dos domingos... E iso moitas veces non está en mans dun. A nosa profesión é así. Considérome un profesional e sei cales son as particularidades desta profesión. Tócame adestrar ao máximo sexa cal for a miña situación".

Insiste en que "son unha peza máis deste cadro e ninguén ten nada garantido. Os que xogan nun momento dado é porque os elixe o adestrador. Hai épocas en que algúns xogan máis, outros xogan menos... Hai outros que durante a temporada xogan pouco. Xa veremos como vai todo pero non é nada bo no fútbol".

Por este motivo, advirte que cando toma a decisión de quedar no Deportivo en LaLiga 1|2|3 "sei perfectamente que ninguén me garante xogar ou non xogar. Tampouco sabemos como vai seguir o ano. Xa veremos como vai todo. De momento en canto ao obxectivo colectivo, que debe de primar por encima de todo, estamos en bo camiño. Vexo moitas opcións de que sexa unha temporada moi positiva para todos", conclúe un dos futbolistas con máis experiencia do vestiario deportivista.

Resume pois que neste mercado de inverno "non teño intención de nada. Estou enfocado no Deportivo, neste proxecto que temos, no que creo que todos en maior ou menor medida a mente temos que tela 100% no mesmo. Aínda que che vaia moi moi ben, aínda que che vaia moi, moi mal, por encima de todo debémonos a este proxecto ao 100% e niso estou".

Con dous partidos seguidos agora en ABANCA-RIAZOR, empezando polo deste sábado 8 de decembro (13:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV), opina o defensor vasco que "a cabeza non se nos ten que ir moito máis alá do Numancia. Non polo feito de xogar en casa partimos cun gol de vantaxe, aínda que ao final estamos a sacar moitos partidos con bastante solvencia. É un partido que empeza de cero e xa veremos como vai. A ilusión que temos é prolongar ese refacho en ABANCA-RIAZOR, sendo conscientes que son dous partidos seguidos. O grupo está animado sabendo que as cousas van por bo camiño".