RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Brais Val uniuse esta mañá aos xuvenís campións de España que se adestraron co primeiro equipo

Brais Val Alonso (Vigo, 1 de xuño de 2002) uniuse esta mañá ao grupo dos flamantes campións de España que teñen a oportunidade de adestrar cada día cos profesionais, caso tamén de Yeremay, Noel, Guille Bueno, Trilli e Brais Suárez.

Esta mañá, após un quecemento cun circuíto técnico-coordinativo, o adestrador branquiazul dispuxo de rondos con desprazamento, un torneo de fútbol reducido e un exercicio táctico de 30 minutos para concluír o adestramento sobre o céspede. O Dépor conta para iso cun aliado de luxo nesta pretemporada, a climatoloxía: ceo nubrado, sen choiva e temperatura de 19 graos.

Rolan, Uche e Fede Cartabia teñen permiso; e Celso Borges está concentrado coa súa selección na Copa de Ouro da CONCACAF, que esta pasada madrugada logrou o pase aos cuartos de final. Os únicos futbolistas con adestramento específico foron Pablo Brea e Gandoy, este a consecuencia dunhas molestias nun xeonllo. Ambos exercitáronse no ximnasio ás ordes do readaptador do primeiro equipo Álex Canosa.

Pola súa banda, Valín e Josep Calavera permanecen nos seus respectivos domicilios con traballo individualizado ata que ditaminen os Servizos Médicos.

Primeiro partido a campo completo da pretemporada, esta tarde en Abegondo

O Dépor deu un novo paso na súa pretemporada. Esta tarde, Borja Jiménez dispuxo o primeiro partido do verán a campo completo, no campo 5 da Cidade Deportiva. A súa duración foi de 35 minutos, cun quecemento con rondos previo.

Desde o inicio da pretemporada o pasado 12 de xullo, todos os partidos nos adestramentos foron de área a área ou ben en espazo máis reducido.

No horizonte próximo está xa o primeiro amigable deste sábado 24 de xullo, no campo da Magdalena ante o Racing Villalbés (19:00 horas), retransmitido en directo pola canle de Youtube do Club, grazas a Integralmotion.es.

Yago Gandoy, que pola mañá traballou á marxe, realizou unha parte co grupo e outra co readaptador Álex Canosa, co que avanza na recuperación dunhas molestias nun xeonllo. O único futbolista con adestramento específico foi Pablo Brea.

Rolan, Uche e Fede Cartabia seguiron de permiso; e Celso Borges está concentrado coa súa selección. Valín e Josep Calavera seguiron nos seus respectivos domicilios con traballo individualizado.

Brais Val, a novidade de hoxe mércores, Yeremay, Noel, Guille Bueno, Trilli, Brais Suárez, Iván Guerrero, Alberto e Juan Rodríguez foron a representación de #ANOSACANTEIRA no primeiro equipo.

Mañá xoves, o Dépor adéstrase na Cidade Deportiva a partir das 10:30 horas.