RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Cando tes unha chamada do Dépor é algo moi bonito", di Quique González na súa presentación

Enrique González Casín (Valladolid, 16 de maio de 1990) foi presentado este mediodía como novo xogador do Real Club Deportivo para as próximas 4 temporadas.

O novo dianteiro deportivista estreouse onte en Carballo, no amigable ante o Bergantiños. Fíxoo ademais marcando un do tres goles do Dépor.

Hoxe, Quique González, após pousar con Carmelo del Pozo e coa súa nova camiseta branquiazul, respondeu as preguntas dos medios de comunicación na sala de prensa de Abegondo.

Agradeceu as palabras de Natxo González, quen na última rolda de prensa definiuno como "un do tres mellores dianteiros de Segunda División". "Darlle as grazas. O único que vou facer é traballar como o fixen sempre, demostrar o meu fútbol. Iso levoume a estar aquí hoxe. E coa máxima ilusión, a máxima ambición para dar o mellor de min e que o Dépor poida estar o máis arriba co meu granito de area", respondeu Quique González.

Confesa chegar con "moita ilusión. Todos sabemos o que é o Dépor no fútbol español. De pequeno tes gratos recordos do que é o Dépor. Cando tes unha chamada deste Club é algo moi bonito".

Dos seus obxectivos, resalta "sobre todo moito traballo, que é innegociable. Unha vez máis demostrar o meu fútbol, que é o que me fixo chegar até aquí. Cada adestramento, cada partido mellorar para ser mellor futbolista. Primeiro de todo estar ben fisicamente e integrarte canto antes ao grupo de compañeiros que teño. Asimilar as ideas que ten o míster".

A temporada pasada en Pamplona, explica Quique González que "o fútbol non son matemáticas. As cousas non sempre saen como un quere. Eu traballarei igual de ben sempre, saian mellor ou peor as cousas. É o que me levou até aquí. A temporada pasada a nivel colectivo non se conseguiu o obxectivo. A nivel individual, en cantidade de goles non era o que eu esperaba nin o que a xente esperaba. Xoguei 42 partidos. Algo faría ben para xogar 42 partidos. Hai que levalo coa máxima naturalidade porque as cousas non sempre saen como un quere".

Está convencido que o Dépor é unha boa plataforma para reinvindicarse e, ademais, engade que "unha vez que chegas aquí te dás conta do bo Club que é. Tes todos os medios para crecer e hai que aproveitalo. Tanto eu como os meus compañeiros, porse as pilas fisicamente a tope. Ao final é o que che fai estar ben durante toda a temporada. Logo cada un que some o seu fútbol, que creo que hai moi bos xogadores. Pero con moita insistencia, que isto é moi longo, con moito traballo, moita calma. A Segunda División é moi competida e estase vendo anos atrás que é moi difícil".

Defínese como dianteiro pero "en moitas temporadas tiven momentos pola miña polivalencia xogando en calquera das dúas bandas: arriba con outro dianteiro, como referencia... Síntome a gusto. Calquera futbolista ten que adaptarse onde o míster diga e non pór escusas. As escusas son de perdedores. Está claro que un xogador rende mellor na súa posición natural, pero o importante é o colectivo".

Apunta que agora hai que ir "aos poucos coñecendo as ideas do míster, os automatismos. É un sistema que nos pode dar moitas posibilidades. Aos poucos ir coñecendo e con tranquilidade".

Preguntado polo outro dianteiro fichado este verán, Christian Santos, comenta que "a competencia sa sempre é importante. En todos os equipos sempre hai competencia. Aí é onde hai que currarse cada un o pan de cada día. Canto mellor esteamos os de arriba, mellor será para o Dépor. Así como calquera liña: o centro do campo, defensas, portería... Ao final todo suma. Canto mellor esteamos todos... isto é cousa de todos e ademais en Segunda División, que é moi, moi longo".

Para esta temporada, Quique González pide "porse fisicamente a tope. Asimilar os conceptos tácticos a nivel defensivo e ofensivo da mellor maneira posible. Facer un bo grupo a nivel humano. A Segunda División é moi longa, moi complicada, de moita insistencia. Van chegar momentos bos, non tan bos. Aí é cando o grupo humano ten que saír a relucir. A calidade sábese, pero eu veño de equipos a priori feitos para ascender. Pero como non curres como o que máis, estás morto. Témolo que ter moi claro que calquera che pode gañar, e hai que ser moi humildes".