RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Carles Gil asegura que no vestiario "formamos un grupo espectacular"

Carles Gil foi o protagonista na sala de prensa de Abegondo, xusto antes de saltar ao campo para o adestramento de hoxe luns.

O atacante deportivista cre que onte o Deportivo, no Nou Estadi de Tarragona, soubo "ler ben o partido e ao final conseguir os 3 puntos que era o máis importante".

Lembra ademais que "remontar fóra de casa non é nada fácil. Onte empezamos ben o partido e torceuse co golazo que nos fixeron. O equipo seguiu na mesma liña, sabendo que se seguiamos por aí, tiña que chegar. Moitas veces fóra de casa sabemos que é moi fodido e temos que esperar o noso momento. Onte fixémolo á perfección e saíu ben".

Instalado o equipo no grupo de cabeza, a 4 puntos do líder, Carles sostén que "sabiamos que os 3 puntos (ante o Nàstic) servirían agora que nos enfrontamos o domingo contra o Málaga para estar preto deles en canto a puntos".

Sostén que o Dépor mellorou tanto a nivel defensivo como a nivel ofensivo, "demos un pasiño adiante, temos máis ocasións. Conseguimos ter máis o balón e iso axúdanos a facer máis ocasións", apunta.

Recalca que "animicamente para nós, para a xente, para o Club necesitabamos un inicio esperanzador, como este que tivemos. Os que somos do ano pasado cos que viñeron este ano formamos un grupo espectacular. Hai moi boa sintonía, moi boa xente todos".

A nivel persoal, di atoparse "cómodo. O equipo cada vez máis adaptado, coñécese mellor. Conforme vaian pasando as xornadas vaise a notar máis aínda. Estamos todos contentos tanto a nivel individual como colectivo".

Iso si, admite que espera máis de si: "Non hai que ser conformistas. Todo o contrario. Hai que ser ambiciosos. Desexo facelo moito mellor".

Recoñece que ten que adaptarse á súa nova posición sobre o campo, "o que esixe esa posición e o que pide o míster aos que xogamos nesa posición. Aos poucos ir mellorando. É unha posición chave neste sistema e axuda moito ao equipo".

Falou do Málaga, rival este domingo 7 de outubro no ABANCA-RIAZOR (18:00 horas, Movistar Partidazo) en partido correspondente á 8ª xornada en LaLiga 1|2|3: "Temos toda a semana para preparar e analizar o partido. É verdade que é un bloque moi sólido. Gañaron non sei cantos partidos 1-0. Iso quere dicir moito. Defensivamente son un equipo forte. Non é fácil facerlles ocasións. Logo ten xente arriba importante".