RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Carles Gil remítese ao seu contrato co Dépor e asegura que "xogar en Segunda non me supón ningún problema"

Carles Gil remitiuse esta mañá na sala de prensa de Abegondo ao seu contrato co Deportivo, "con iso xa é suficiente. Estou tranquilo, coa cabeza aquí. Téñoo claro".

No entanto, explica que "cando o mercado está aberto, todos estamos expostos a entradas, saídas, ofertas, a que o Club che diga que chegou isto... Pero eu estou moi centrado aquí, en adestrar cada día o mellor que sei e dar o máximo de min".

Por este motivo, asegura que irá da man do Club "totalmente. Teño contrato aquí e sempre vou ir da man do Club. Ao final temos que estar interesadas as dúas partes, tanto o Deportivo como eu no que poida pasar".

Insiste Carles Gil que Carmelo del Pozo "tamén explicou a miña situación. Teño contrato aquí, estou centrado aquí en adestrar o mellor que sei, ao máximo e xa está. Pase o que pase irei da man do Club", engade.

Nesta liña, o atacante valenciano recalca que xogar en Segunda non supón ningún problema: "Estiven en Segunda. Fun moi feliz porque foron os meus inicios co Elche. Saíu todo redondo. Pasei por todas as categorías. Estou no Deportivo que é un Club con historia xa non en Segunda senón en Primeira. É dos equipos importantes de Primeira malia que agora esteamos en Segunda".

Cre que a Segunda División é "unha categoría diferente. Encima este ano é unha Segunda División forte, con máis equipos que deberían estar en Primeira por historia. Iso faina máis atractiva e máis difícil".

Cun obxectivo claro segundo Carles Gil, "temos que tentar ser un equipo que domine, que leve o control do xogo e dos partidos. Iso a min como a outros compañeiros pódenos favorecer".

En canto á súa posición no campo, apunta que se atopa "moito mellor por dentro. Teño máis facilidade para desenvolver o meu xogo. Pero estou a disposición do que necesite o míster".

Lembra que no último ano "pasaron moitas cousas malas, para min persoalmente malísimas. De todo apréndese. Paseino moi mal neste último ano. Fíxome moito máis forte".

Por iso, prefire "deixalo ao carón. É pasado. Deportivamente espero non volver coincidir (en alusión a Clarence Seedorf, ex adestrador branquiazul) e xa está. É pasado e xa está". "Como persoa non teño nada contra el pero como profesional espero non volver coincidir con el", apostila.

Deixa claro que houbo ningún tipo de enfrontamento persoal co técnico holandés: "Pola miña banda non. Ao final son decisións. Témolas que acatar da mellor forma posible. Eu creo que o fixen da mellor forma posible. Adestraba como o mellor. Logo non recollía os froitos do que facía nos adestramentos. Ao final estas cousas pasan".

Agora, despois de 13 ou 14 días de adestramentos desta pretemporada, "as sensacións son moi boas. Estamos a facer un moi bo traballo. Traballo intenso loxicamente, de menos a máis. A primeira semana foi reencontrarnos con sensacións despois dun mes e medio de vacacións. Agora máis esixente", di.

Opina que Natxo González "desde o primeiro momento ten as ideas moi claras. Transmítenos as súas ideas, todo o que quere, sobre todo as bases que quere que teña o equipo. Creo que aos poucos imos asimilándoo".