RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Carles Gil, sobre o seu futuro: "Xa dixen moitas veces que estou moi a gusto aquí"

Carles Gil manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "unha pequena sobrecarga" nos seus isquiotibiais tívoo un par de días desta semana á marxe do grupo. "Onte xa tiña a intención de adestrar pero como era xustamente un adestramento esixente para isquios, explosivo, pois preferimos non tomar riscos e hoxe adestrei con boas sensacións, sen ningún problema", engadiu.

Destaca que "o bo para o equipo é que esteamos todos dispoñibles porque se demostrou que todos somos importantes. Afortunadamente Arribas está ben e Sidnei creo que a semana que vén adestra con todos. Son boas noticias".

Cre que "cando tes estes paróns o preferible é irse cunha vitoria porque pasas dúas semanas máis contento. Pero vimos dunha xeira de partidos moi boa. Tomamos aire despois destes puntos que sumamos neste mes, mes e medio. Queremos seguir o domingo que vén".

Prefire non facer contas sobre a salvación "e mirar a curto prazo, ao partido seguinte. É unha bobada fixarnos puntos. Loxicamente estamos pendentes dos rivais directos, como ten que ser. Sabemos que temos un colchón bo de puntos, pero que ao final son dous partidos, neste caso tres. O que queremos tentar é canto antes conseguir ese número de puntos ou de vitorias que nos afasten definitivamente e nos deixen pasar un tramo final tranquilo".

O atacante deportivista subliña que o equipo vén "dunha xeira moi boa tanto de sensacións como de puntos. O domingo pasado sabemos o que era un derbi. Foi un partido moi disputado, moi igualado. Ao final decidiuse na única ocasión que tiveron eles. Agora imos a Mestalla, é un partido moi complicado. Sabemos que se conseguimos o tres puntos van ser moi importantes e vannos a achegar moito ao obxectivo".

Tamén preguntado pola súa etapa con Gaizka Garitano á fronte do Deportivo, Carles Gil subliña que foi unha etapa "un pouco rara porque pasamos tanto eu como o equipo altibaixos. Non empezamos ben, logo tivemos unha serie moi boa. Á volta de Nadal custounos moito. Ao final o fútbol son resultados e neste caso non nos acompañaron cando el estivo. Eu persoalmente esperaba xogar máis pero ao final son decisións. Os adestradores están para tomar ese tipo de decisións e nós para tentar aceptalas. Loxicamente entendo a Joselu porque el despois dunha longa lesión non o pasou ben. É lóxico que quixese contar con máis minutos pero isto é fútbol".

Foi rotundo: "O que non xoga está decepcionado porque sempre quere xogar. No caso de Joselu foi especial porque chegou, todos esperabamos moito, tivo a mala sorte da lesión. Todos tiñamos moitas ganas de que volvese e igual non contou cos minutos que el esperaba ou que os demais tamén esperabamos. E iso é unha decepción. Creo que non vai máis aló diso. Ao final todos queremos xogar. Non hai ningún xogador que estea conforme se non xoga. Por tanto é lóxico o seu pensamento e a súa reacción".

Cualifica de "moi especial" o próximo partido de Liga do Deportivo, o domingo 2 de abril en Mestalla (18:30, Bein Sports) ante o Valencia: "É a miña casa porque pasei alí 16, 17, 18 anos, desde os 5 anos. É especial. Pero non deixa de ser un partido moi importante para nós onde nos xogamos tres puntos vitais".

Respecto do seu futuro, Carles Gil é sincero e recoñece que "se teñen que dar aínda moitas cousas, sobre todo estes 10 últimos partidos que son clave tanto para min como para o Deportivo, para todo o mundo, para o que poida pasar nun futuro. Logo falar co meu Club, co Aston Vila. Sinceramente non penso demasiado niso porque primeiro temos que conseguir o obxectivo, creo que teño nestes 10 partidos que dar un bo rendemento. E logo o que teña que vir que veña".

Iso si, atráelle a idea de seguir no Dépor: "Xa dixen moitas veces que estou moi a gusto aquí", apunta.