RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Carles Gil ve o partido do luns como unha final porque "estamos nunha situación moi crítica"

Carles Gil foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

Recoñece que Clarence Seedorf atopouse á súa chegada á Coruña "un vestiario animicamente un pouco fodido despois do último partido. Encima chegou o martes, que estaba un pouco recente".

Indica que a primeira idea do técnico holandés é "enchernos de enerxía positiva, de confianza. É sobre todo o que necesitamos neste momento e estánolo sabendo transmitir moi ben".

Segundo o '11' branquiazul, Seedorf "marca moito o tema da intensidade, o ser intensos, estar xuntos. Ve que chegamos ben á presión e fáltanos ese punto de agresividade para roubar o balón ou facer falta. En equipos como o noso é un aspecto moi importante. Dividiunos en defensa e ataque para traballar de maneira individual e colectiva. Está a ser unha semana moi produtiva en todos os aspectos e oxalá o podamos reflectir no campo".

Con este novo cambio no banco, Carles sostén que "estamos todos con outro punto, con outra positividade. É a mellor forma de afrontar este partido que vén".

Confesa que "o míster individualmente díxonos aos xogadores que é o que quere de nós, un pouco tamén por posicións, a xente de ataque, os que xogamos de tres cuartos para arriba".

Admite o atacante deportivista que o partido deste luns 12 de febreiro ante o Betis no Estadio ABANCA-RIAZOR (21:00 horas, Gol), "témolo que tomar como unha final porque a liga está moi avanzada, estamos nunha situación moi crítica. Creo que é un partido vital para nós, para volver coller ánimos diante da nosa afección. Temos na cabeza que só vale gañar".

Do rival, opina que "é un equipo moi forte, moi compensado. Ten grandes xogadores, unha idea moi marcada polo seu adestrador. É un equipo fácil de analizar no sentido de que sabemos moi claro o que queren, como son. Sabemos os puntos fortes que teñen, os puntos débiles e hai que aproveitar".

Insiste en que nestes momentos "é importante que todos vaiamos a unha como está a transmitir o míster, que todos vaiamos xuntos. Creo que imos polo bo camiño".

Tamén Carles Gil tivo palabras de agarimo para Cristóbal Parralo, ex adestrador branquiazul: "Sempre que ten que saír un adestrador dá moita mágoa. Ao final son persoas, xente coa que traballamos moito tempo. Estivemos moito tempo xuntos e acabámonos todos collendo agarimo, saian as cousas mellor ou peor. É unha putada. Somos conscientes de que somos os principais responsables porque somos os que saímos ao campo. Con Cristóbal as cousas non acabaron de saír ben. Desde aquí desexarlle a mellor das sortes".

Por este motivo, recalca que "cada fin de semana somos responsables do que facemos no terreo de xogo. Levamos unha temporada moi mala, temos que asumilo e saír o luns a demostrar que todo o que levamos facendo esta temporada podemos cambialo. Non hai mellor forma de facelo que no campo e encima o luns que é un partido vital".