RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Carlos Alberto Silva, adestrador deportivista en 1997, falece en Brasil

O adestrador brasileiro Carlos Alberto Silva, técnico do RC Deportivo durante as Temporadas 1996-1997 e 1997-1998, faleceu hoxe en Belo Horizonte aos 77 anos de idade.

"O Profesor" Silva colleu as rendas do club branquiazul en febreiro de 1997, tras a destitución do galés John Toshack, que pouco antes enfrontouse cun sector da afección e que mantiña unha difícil relación coa estrela do equipo, o tamén brasileiro Rivaldo.

Despois de que José Manuel Corral exercese de interino no empate ante o Atlético de Madrid disputado no Multiusos de San Lázaro debido ao peche de Riazor polo monedazo a Llonch Andreu, Silva debutou como técnico deportivista o 19 de febreiro de 1997. Fíxoo cun contundente triunfo no José Rico Pérez de Alacante, ante o Hércules (1-3), na 25ª xornada de Primeira División.

O equipo ocupaba naquel momento a quinta praza, pero pronto recuperou o pulso á competición e acabaría alcanzando unha meritoria terceira posición, só superado polo Real Madrid e o Barcelona. Con Silva, o Deportivo sumou 11 vitorias (incluídas 6 consecutivas nos seus 6 primeiros partidos), 3 empates e 4 derrotas.

A precipitada marcha de Rivaldo marcou a seguinte campaña e, por suposto, o paso de Silva pola Coruña. O 15 de outubro de 1997, Unha derrota ante o Valladolid en Riazor (1-3), na 6ª xornada de Primeira División, precipitou a súa destitución despois dun mal arranque de temporada dun Dépor mermado moral e futbolísticamente pola maneira en como se produciu a saída do astro brasileiro rumbo ao Camp Nou. Con 1 vitoria, 3 empates e 2 derrotas nas 6 primeiras xornadas, máis a temperá eliminación europea, a mans do Auxerre francés, na primeira rolda da Copa da Uefa, fixo as maletas o adestrador brasileiro.

Nos seus oito meses á fronte do Deportivo, Silva dirixiu ao equipo branquiazul en 26 encontros, sumando 12 vitorias, 7 empates e 7 derrotas.

Na súa longa carreira, o técnico nacido o 14 de agosto de 1939 en Bom Jardim de Minas (estado de Minas Gerais), dirixiu a numerosos equipos de renome como Atlético Mineiro, Sao Paulo, Cruzeiro, Corinthians ou Santos en Brasil ou o Porto portugués, ademais de levar á selección brasileira á medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Seúl, en 1988.

O RC Deportivo quere enviar os seus máis sinceras condolencias a toda a familia e amigos de Carlos Alberto Silva. DEP