RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Carlos Fernández e Álex piden "máxima prudencia" de cara ao choque do sábado en La Rosaleda

Carlos Fernández e Álex Bergantiños atenderon aos medios de comunicación na zona mixta do Estadio ABANCA-RIAZOR.

O dianteiro andaluz, autor de dous goles, advirte que "quen pense que a eliminatoria está feita ou se conseguiu pasar, está moi equivocado. Alí queda un partido moi moi difícil. O Málaga é un gran equipo no seu campo, coa súa afección".

Recoñece que "nestes últimos partidos estamos a crear moitas ocasións, parece que non acababan de entrar. Pero hai unha frase dun amigo meu que di: 'onde non chegue o acerto, que chegue a insistencia'. Hoxe entraron. Contentos e a pensar no partido do sábado".

Pola súa banda, Álex Bergantiños tamén alerta que "o campo do Málaga é complicadísimo. Vai estar a rebentar. Imos ter que sufrir moito alí".

O mediocentro coruñés vaticina este sábado 15 de xuño (21:00 horas, Movistar Partidazo) "un partido duro. Se non estamos ao 100 % en calquera momento pódense meter e dar a volta á eliminatoria". Por esta razón pide "máxima prudencia" de cara ao choque de volta.

Admite que o triunfo desta noite e por exemplo o do partido de liga ante o Real Mallorca, cun penalti no último minuto, "animicamente é un paso importante. Pero isto cambia rapidamente. No descanso alguén nos daba por mortos e iso pode pasar co Málaga. É un gran equipo, vai xogar ante a súa afección e ten a capacidade de poder darlle a volta se non imos coa máxima humildade alí".