RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Carlos Fernández e Didier Moreno dan valor ao momento conseguido

Carlos Fernández e Didier Moreno compareceron ante os medios de comunicación na zona mixta do Estadio ABANCA-RIAZOR.

O dianteiro sevillano, que estreou o seu marcador goleador co tanto que supuxo a igualada ante o Málaga, destacou que "o importante é traballar para o equipo para tentar sumar dentro do xogo, achegar cousas. Hoxe tocoume facer o gol e contento".

Coincidiu co técnico Natxo González e acaba cun sabor "agridoce dentro das circunstancias do partido e de como se foi dando todo".

Laméntase porque "despois do empate chega o noso momento, a afección levábanos polo aire. E aí hai unha acción rigorosa. O árbitro interpreta unha agresión nunha chilena. É a primeira vez que o vin no fútbol. Condiciónache o final do partido".

O ariete deportivista viu a un Deportivo "superior até a expulsión. Na primeira parte eles non chegaron á nosa área. Nós tivemos ocasións claras, tivemos máis presenza, sacamos centros, xogamos a primeira parte no seu campo. Na segunda parte chega o seu gol nunha xogada illada e un pouco estraña. Repómonos ben, chega o empate e logo a expulsión. A partir de aí o guion é diferente, toca achicar auga e que cren o menos perigo posible".

Pola súa banda, Didier Moreno, que mañá luns viaxa á concentración de Colombia por primeira vez na súa carreira, cre que "fixemos un bo traballo. Ao final conseguimos un punto que polo que se tornou o partido era meritorio para nós".

O centrocampista branquiazul indicou que o partido tivo "bastantes altibaixos, disputado ante o líder. É un punto bastante valioso para nós".

Na súa opinión, "non era para expulsión" a xogada de Quique González. É máis, non lembra ver un cartón vermello por unha acción semellante na súa carreira deportiva: "O xuíz interpretouno así e hai que respectar a súa decisión".